Falece atrapado baixo os cascallos tras o incendio da súa vivenda en Viveiro
Falece atrapado baixo os cascallos tras o incendio da súa vivenda en Viveiro
Un veciño chamou ao 112 Galicia para alertar do lume e indicou que nesa casa vivía un señor
Os equipos de emerxencia atoparon o corpo sen vida dun home de 82 anos que residía nunha vivenda que se derrubou este luns de madrugada na parroquia de Faro, en Viveiro, tras rexistrarse un incendio.
Os bombeiros de Viveiro deron por extinguido o lume que provocou o colapso e derrubamento de parte da vivenda.
Segundo informou o 112 Galicia, os efectivos do parque comarcal, xunto cos membros do GES de Cervo e do servizo local de Protección Civil, procederon a sacar os cascallos e os restos do incendio para comprobar se hai afectados.
O 112 Galicia recibiu información do incendio minutos antes das 6:00 horas cando un veciño do lugar da Aldea, na parroquia de Faro, decatouse de que ardía a casa de en fronte.
José Antonio Veiras, sarxento dos bombeiros de Viveiro: "A primeira dotación comprobou que a casa estaba completamente incendiada. Desgracidadamente, desde o primeiro momento xa sabemos que hai unha vítima dentro da vivenda".
O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia enviou avisos aos bombeiros de Viveiro, aos membros do servizo local de Protección Civil e do GES de Cervo, así como á Policía Nacional e Local.
Debido á necesidade de máis auga coa que facer fronte ás chamas, solicitouse tamén a colaboración do Distrito Forestal de Mondoñedo, que achegaron unha motobomba. O lume foi extinguido, tras o que o dispositivo de seguridade e salvamento procedeu a retirar os restos provocados polo incendio.
O falecido é Manuel Cociña, de 82 anos, que vivía só na casa incendiada no lugar da Aldea. Foron os seus veciños os que deron a voz de alarma ao veren o lume cando aínda non se fixera de día.
Ademais da casa, tamén se perderon varios vehículos agrícolas que había nun pendello, mentres que algúns animais puideron ser rescatados.