Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece un condutor ao envorcar o seu turismo esta madrugada en Sada

Falece un condutor ao envorcar o seu turismo esta madrugada en Sada

O coche bateu contra o peche dunha vivenda e quedou atravesado no medio da estrada

Os dous acompañantes quedaron feridos leves e foron trasladados ao CHUAC

G24.gal 09/07/2022 11:23 Última actualización 09/07/2022 15:04

Un veciño de Sada perdeu a vida esta madrugada nun accidente de tráfico acontecido na parroquia de Osedo, no concello sadense.

Sobre as tres da mañá, o seu coche bateu contra o muro dunha vivenda e acabou envorcado no medio da vía. O home, de nacionalidade uruguaia, faleceu no acto. Con el viaxaban dous ocupantes, un home e unha muller, ambos resultaron feridos leves e foron trasladados ao Complexo Hospitalario da Coruña.

As patrullas da Garda Civil de Tráfico que estaban a realizar controis nos arredores tiveron que desprazarse a parroquia de Osedo despois de recibir o aviso de accidente.

"Estabamos cun dispositivo de control de alcol e drogas preto do lugar do accidente, e en canto se avisou do accidente as patrullas personáronse rapidamente no punto", relataba Antonio Rodríguez, xefe do destacamento da Garda Civil de Tráfico da Coruña.

Cando os axentes chegaron ao lugar atoparon un vehículo envorcado, no medio da estrada, a poucos metros do tanatorio da vila sadense. 

"Foi unha saída de vía pola marxe dereita da estrada, posterior choque con peche dunha vivenda e envorcadura do turismo con tres ocupantes. Mozos, menos de trinta anos, dous varóns e unha muller, e lamentablemente o condutor do vehículo faleceu no sinistro", explicaba o tenente Antonio Rodríguez.

Ao lugar desprazouse a Policía Local e Protección Civil de Sada, Bombeiros de Betanzos e Sada e varias patrullas de tráfico, así como os servizos de emerxencia que só puideron certificar a morte do condutor, veciño da vila e de nacionalidade uruguaia.

"As recomendacións son as de sempre. Sentido común, cumprimento das normas, o cinto de seguridade. Estamos esta semana en campaña de velocidade, a DXT,  e o tema do alcol e as drogas, cero ao volante", lembra o xefe da Garda Civil de Tráfico da Coruña.

A estrada que xunta Sada con Oleiros permaneceu pechada unhas dúas horas, polo que provisionalmente se redirixiu o tráfico pola variante de Meirás.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade