Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece un home ao bater o seu coche contra un camión en Ames

Falece un home ao bater o seu coche contra un camión en Ames

A vítima é un veciño do Freixo, na Serra de Outes, que viaxaba só

É o accidente mortal nun mes na estrada que vai de Ames a Negreira

O accidente tivo lugar no quilómetro 2 da AC-554
G24.gal 13/03/2025 21:05 Última actualización 14/03/2025 15:06

O coche, un Citroën Xsara, quedou desfeito. O condutor do turismo, que subía en dirección Negreira, foise contra o camión e, co golpe, que foi brutal, saíu rebotado. O camioneiro non tivo marxe de reacción.

"O señor do coche distraeuse e invadiu o carril contrario. O camión quixo frear pero xa non lle dou tempo. Era dar o golpe ou vir para a casa, polo que nos contou", explica a veciña da casa máis próxima. 

"Foi directo cara ao camión. Escoitamos un ruído fortísimo e fun onda o señor do coche a ver se precisaba axuda, pero xa non nos contestaba. O camioneiro estaba ben, pero moi nervioso e víase que foi aquí o golpe pero arrastrou ata a alá abaixo. Foi horrible", engade a súa irmá, das primeiras en acudir. 

"A persoa estaba apreixada polo cadro de instrumentos e pola deformidade do coche polo impacto e houbo que abater o cadro para rescatalo", sinala Victor Núñez, membro do GES de Brión.

A vítima é un veciño do Freixo, na Serra de Outes, que viaxaba só. Tiña uns 42 anos. É a segunda vítima mortal en pouco máis dun mes nesta estrada que enlaza Ames con Negreira. 

"Non sei se é pola recta, que se emocionan", di unha veciña. 

"É propensa a ter moitos accidentes. De feito, nós fomos a tres liberacións e todo é motivado por descoidos e velocidade", advirte Núñez.

A estrada é unha trampa mortal tamén para os peóns de Caroubáns, unha aldea con casas a un lado e a outro.

"Témola que atravesar todos os días. Eu que vivo enfronte teño que atravesar para vir onda a miña avoa, os que viven arriba teñen que atravesar para tirar o lixo e está a moitísima velocidade e nós pasamos cando nos deixan porque se te despistas, lévante por diante, que aquí xa houbo varios accidentes. Eu pedín un paso de cebra e ninguén nos fixo caso, pedimos uns farois e mesmo pedimos que se reduza a velocidade porque os coches e, sobre todo as motos, pasan a moitísima velocidade", lamenta a moza.

O paso de coches e camións, nun e noutro sentido, é constante. Dos excesos de velocidade, só confirmar que, de pé na beiravía, o corpo treme cando pasa algún vehículo pesado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade