Estampan outro coche contra un edificio en Lugo
Sucedeu na avenida Marqués de Ombreiro, onde xa batera hai anos outro vehículo
O condutor, que tiña o carné retirado e fuxiu do lugar, deu positivo en alcohol
Un turismo estampouse contra un edificio da avenida Marqués de Ombreiro, en Lugo. O condutor marchou, pero a Policía Local non tardou en dar con el. Na proba de alcoholemia que lle fixeron deu positivo, e comprobaron ademais que xa tiña o carné retirado. Por se fose pouco, resultou que a súa acompañante tratou de facerse pasar por condutora do vehículo.
Dáse a circunstancia de que non é a primeira vez que un coche bate contra ese muro. Na pasada década, rexistrárase un accidente moi similar no mesmo punto.
Esta última colisión contra un inmoble produciuse dez días despois doutra en que un vehículo tamén abrira un burato de varios metros noutro edificio. Nesa ocasión ocorrera no barrio lugués da Milagrosa, na rúa Xulia Minguillón.
E outros dous días antes, tamén en Lugo, outro coche batera contra os colectores e os vehículos estacionados na rúa Armando Durán, co resultado dunha muller atropelada e ferida grave.