Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece un bombeiro en prácticas na extinción dun incendio nun autobús en Santiago

Falece un bombeiro en prácticas na extinción dun incendio nun autobús en Santiago

O suceso produciuse na parroquia de Aríns, onde o autobús, que ía baleiro, comezou arder

O vehículo desprazouse e atrapou a vítima, que faleceu malia os intentos por reanimalo

O falecido estaba como observador e este era o seu primeiro día de traballo

Santiago decreta tres días de loito oficial

G24.gal 30/08/2022 09:44 Última actualización 30/08/2022 14:46

Un bombeiro faleceu este martes á mañá durante a extinción dun incendio nun autobús urbano en Santiago de Compostela.

O suceso produciuse na parroquia de Aríns, onde o vehículo comezou a arder. Segundo relatou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o falecido estaba en prácticas e estaba como observador no lugar do sinistro.

"Estaba vendo como os compañeiros despregaban as liñas de auga e nun momento o autobús, inexplicablemente, fóiselle enriba e atrapouno contra o propio camión de bombeiros", explicaba Bugallo, "era o seu primeiro día. Estamos todos consternados".

A rápida intervención dos servizos sanitarios, que trataron de reanimar o bombeiro, non puido impedir o seu falecemento.

"É a primeira vez que falece un bombeiro en acto de servizo nos practicamente 160 anos que leva operando o parque", lamentou o alcalde.

Segundo explican desde o consistorio nunha nota de prensa, o suceso produciuse contra as 8:00 desta mañá, cando se recibe un aviso por mor dun incendio nun autobús da empresa Rías Baixas, que presta servizo para o concello. Salvo o condutor, que non sufriu danos, o vehículo ía baleiro.

O condutor do autobús facía o seu percorrido habitual. Cando se deu conta do fume parou e sacou o extintor, pero veu que non podía facer nada por sufocalas lapas que comezan a calcinar o vehículo. Chamou a emerxencias. Cando chegaron os bombeiros xa o apartaron do lugar para comezar a traballar.

Tiraron as mangueiras con escuma. A principal preocupación era que as lapas non afectaran a vivenda que está a escasos metros de onde quedou parado o coche. Todo parece indicar que o lume deixou sen freos o autobús que comezou a desprazarse costa abaixo.

Chegaron uns metros para que collera a suficiente velocidade e fora bater contra a esquina do camión de bombeiros atrapando ao mozo entre os dous vehículos. El non participaba directamente no operativo estaba mirando como se desenvolvía o traballo.

Ademais da vítima había outro rapaz en prácticas no lugar que estaba moi afectado ao igual que os compañeiros. A Policía Nacional está a investigar o acontecido como un accidente laboral

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda expresou o seu cariño á familia e aos compañeiros de Jorge, que así se chama o bombeiro falecido. Nun chío, Rueda engade tamén o recoñecemento de toda Galicia a uns profesionais que todos os días arriscan a vida pola seguridade de todos. Envíalles di "forza nestes difíciles momentos".

Santiago decreta tres días de loito oficial

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que a capital galega estará tres días de loito oficial en sinal de dó polo falecemento do bombeiro en Aríns.

En virtude do decreto asinado esta mañá polo alcalde de Santiago, no que se establecen tres días de loito oficial, os días 30 e 31 de agosto e o 1 de setembro as bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta en sinal de doo polo falecemento deste funcionario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade