Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un menor que se precipitou desde un noveno piso na Coruña

Falece un menor que se precipitou desde un noveno piso na Coruña

Chegara con vida ao hospital, pero morreu horas máis tarde

Fontes próximas ao caso apuntan a que non se trataría dun feito delituoso e non descartan ningunha hipótese

G24.gal 20/12/2023 10:11

Un menor que se precipitou na mañá do martes desde un noveno piso nun edificio situado no barrio dos Rosales, na Coruña, faleceu debido ás lesións sufridass.

O rapaz caeu desde o piso sobre un vehículo estacionado na rúa Simón Bolívar. Ata o lugar desprazáronse os servizos sanitarios, que o trasladaron con vida ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, onde, finalmente, faleceu a última hora do martes.

Ao lugar tamén acudiron patrullas da Policía Local e da Policía Nacional, que investiga os feitos. Polo momento, fontes próximas ao caso apuntan a que non se trataría dun feito delituoso e non descartan ningunha hipótese.

A primeira persoa en atender o menor, o propietario dun taller situado nos baixos dun edificio con acceso tamén pola rúa Emilio González, explicou que escoitou un golpe "moi forte", coma se alguén patease a porta do seu negocio.

Tras descartar que fose atropelado, algo que pensou inicialmente, e comprobar que estaba vivo, púxose en contacto co 112 e seguiu logo as indicacións dun médico co que falou, ademais de sacar unhas mantas coas que tapar a vítima.

Tamén precisou que apareceu a nai e máis tarde o pai, á vez que se desprazaron ao lugar efectivos policiais e sanitarios.

Ao parecer, o menor tiña moita febre, motivo polo que se atopaba na casa, onde, segundo o que transcendeu, a súa proxenitora estaba a teletraballar. Agora investígase un suceso acollido con consternación polos veciños e veciñas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade