Falece un home de 72 anos ao saír da vía coa súa furgoneta en Dumbría
Ocorreu esta madrugada na AC-552, á altura de Berdeogas
Un home de 72 anos faleceu esta madrugada despois de saír da vía co seu vehículo en Dumbría (A Coruña). O accidente aconteceu no quilómetro 81 da AC-552 á altura de Berdeogas ao fío das 5:00 da madrugada, segundo informa Axega 112.
A vítima era o condutor e único ocupante do vehículo, unha furgoneta refrixerada que colidiu contra unha estrutura de canalización de agua.
Ata o lugar do sinistro desprazáronse axentes da Garda Civil de Tráfico, efectivos do 061 e os bombeiros de Cee, que liberaron o home. Cando chegaron, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o pasamento da vítima.
Foi un condutor, ao pasar polo lugar do accidente esta madrugada, o que deu aviso os equipos de emerxencia. Agora comezan as investigacións do porqué do sinistro deste veciño que era empresario e un home moi coñecido na zona.
Unha persoa evacuada en helicóptero en Muros
En Muros, mentres, unha persoa quedou ferida grave noutra saída de vía rexistrada na AC-550, á altura do punto quilométrico 34.
O 112 Galicia enviou o helicóptero medicalizado con base en Santiago e evacuou o ferido ao Hospital Clínico da capital.