Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre un home de 82 anos en Lugo nunha colisión entre dous coches e un camión

Morre un home de 82 anos en Lugo nunha colisión entre dous coches e un camión

Quedou ferida grave a acompañante da vítima mortal e ferida leve a condutora e única do outro turismo implicado

G24.gal 21/11/2025 09:31 Última actualización 21/11/2025 13:55

Un home de 82 anos faleceu nun aparatoso accidente de circulación que se produciu á primeira hora desta mañá no municipio de Lugo como consecuencia da colisión frontal de dous vehículos, un sinistro en que tamén se viu implicado un camión, segundo a información facilitada polo Subsector de Tráfico da Garda Civil.

Ademais da persoa falecida, que era o condutor dun dos turismos, tamén resultou ferida de gravidade a súa acompañante, unha muller de 86 anos, mentres que a condutora e única ocupante do outro coche, de 48, resultou ferida de carácter leve. Ambas foron evacuadas nunha ambulancia do 061 o Hospital Lucus Augusti. O condutor do camión saiu ileso do accidente.

A colisión produciuse ás 08:11 horas, no punto quilométrico 1,300 da estrada N-540 (Lugo-Ourense), na parroquia de Orbazai, dentro do termo municipal de Lugo.

Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE), a persoa que avisou do sinistro a través do 112 xa informou de que había varias persoas feridas, algunha de gravidade, e atrapadas no habitáculo dun dos vehículos.

Para auxiliar as vítimas trasladáronse de inmediato ao momento sanitarios do 061 e axentes da Garda Civil e da Policía Local. Tamén bombeiros da cidade, para rescatar aos feridos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade