Falece o artista gráfico Xosé Vizoso, homenaxeado este ano no Día da Ilustración
Premio Nacional de Escultura en 1968 foi deseñador da cerámica de Sargadelos durante catro décadas
A Cidade da Cultura acolle unha mostra sobre a súa traxectoria na Biblioteca de Galicia
O artista Xosé Vizoso, que foi homenaxeado este ano pola Xunta no Día da Ilustración, faleceu aos 75 anos no municipio de Brión, onde vivía na actualidade.
Fillo predilecto do concello de Mondoñedo, onde naceu, contaba cunha ampla traxectoria como deseñador e ceramista, ademais de ter unha importante produción como cartelista, muralista e ilustrador de libros.
Gañou o Premio Nacional de Escultura en 1968 e, durante catro décadas, foi deseñador, xunto a Xosé Díaz, da cerámica de Sargadelos. Máis recentemente, fixo o cartel do centenario do Celta de Vigo.
A Biblioteca de Galicia acolle ata maio a exposición Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo, que percorre o mundo creativo do artista a través de 86 pezas. Todas son representativas da súa mestría en distintos ámbitos, pero céntrase no debuxo como alicerce da súa obra.
Condolencias
Tras coñecerse a noticia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou o seu pesar pola perda de Xosé Vizoso e trasladoulles as súas condolencias á familia e amigos.
"Triste noticia para a arte deste país. O falecemento de Xosé Vizoso, ao que xustamente lle dedicamos este ano o Día da Ilustración, supón a perda dun creador referente na historia gráfica de Galicia. Un profundo e sentido abrazo para a familia e amizades", publicou na súa conta da rede social X.
Tamén o lembrou, nesa mesma rede, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
"A súa morte déixanos orfos dun talento con cor propia".
Pola súa banda, o BNG de Brión lamentou o falecemento e sinalou que o pobo galego está de loito por perder un ilustre veciño.
"A obra de Vizoso estaba profundamente apegada á nosa terra e son milleiros os fogares con algunha creación súa", sinalou o BNG nun comunicado.