Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece a poeta e activista compostelá Luz Fandiño aos 92 anos

Falece a poeta e activista compostelá Luz Fandiño aos 92 anos

Terá un acto de homenaxe no auditorio do Museo do Pobo Galego o domingo 5 de maio

G24.gal 28/04/2024 15:39 Última actualización 28/04/2024 21:52

A poeta e activista compostelá Luz Fandiño faleceu aos 92 anos, segundo anunciou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nas redes sociais. Será despedida este luns no tanatorio de Boisaca e na tarde do domingo 5 de maio terá lugar un acto de homenaxe na súa honra no auditorio do Museo do Pobo Galego.

Luz naceu en 1931 no barrio compostelán de Sar, no ano 1952 emigrou á Arxentina e en 1964 foi vivir a Francia, e finalmente regresou a Santiago de Compostela, onde residiu ata a súa morte.

A directora Sonia Méndez estreou en 2020 a película documental A poeta analfabeta, baseada na súa vida, a súa obra, integramente galego, e o seu activismo cultural e social, como na campaña Nunca máis xurdida tras o naufraxio do petroleiro Prestige.

"Acaban de trasladarme a infeliz noticia do falecemento de Luz Fandiño, a poeta comprometida, a activista admirada polo seu labor e a súa enorme enerxía, que nos transmitía unha e outra vez. Unha e outra vez, incombustible.", escribe Goretti Sanmartín.

O Concello de Santiago lembrará a autora "como merece quen con tanto entusiasmo viviu e loitou connosco", anuncia Sanmartín. "Que a terra che sexa leve, benquerida Luz!", despídese a alcaldesa de quen foi a súa amiga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade