Faille un elevador á súa dona dependente mirando titoriais en Internet
Faille un elevador á súa dona dependente mirando titoriais en Internet
Un fontaneiro retirado constrúe de xeito artesanal un salvaescaleiras
Compralo custáballe máis de 2.000 euros, e en facelo investiu 350
Un home de Palmeira, Ribeira, construíu un salvaescaleiras artesanal para que a súa muller e a súa sogra, ambas dependentes, puideran subir e baixar as escaleiras da casa. Non tiña cartos para mercalo, e fíxoo el mesmo seguindo titoriais en Internet
Raúl Frey, fontaneiro retirado e afeccionado a traballos de albanelería, quería que a súa dona, dependente despois de sufrir un cancro e imposibilitada para salvar os once chanzos da casa, puidese saír á rúa. Así que lle fixo un elevador.
"Por necesidade. Para que a miña muller poida subir e baixar. A radioterapia e a quimioterapia deixárona na cama. Danlle moitas medicinas, pero non é capaz de erguerse. É dependente para todo", explica.
Non podía mercar un porque lle saía moi caro, así que mirou como se facía en vídeos de Internet.
"Pensei que era máis barato, pero custaba 2.000 euros ou algo máis. Decido buscar información para construír un. Dígome que non debe ser moi difícil, e busquei información e titoriais", di.
Fíxoo en tres días e gastou uns 350 euros. Funciona, e a muller xa o usa, pero non está acabado de todo.
"Está rudimentario porque non está rematado aínda", aclara. "Ela púxose contenta, pero dime que a ver cando o remato. Non podo, non teño diñeiro. Fai falta material para acabalo", lamenta.
A sogra, que vive con eles e tamén é dependente, non se atreve a utilizalo.