Extinguido o incendio da Barbanza e en vías de quedar perimetrado o do Macizo Central
Estabilizado o incendio do Irixo e controlado o de Boborás
Deteñen unha muller por provocar un pequeno incendio en Ribeira
O grande incendio no Macizo Central ourensán arrasou 2.100 hectáreas ao xuntarse o declarado en Laza co que se iniciara en Chandrexa de Queixa. Evoluciona ben pero é unha zona abrupta e con grandes pendentes en que o traballo dos equipos de extinción resulta moi difícil.
"Non hai por onde entrar por terra, hai que esperar a que cheguen os medios aéreos", contábanos o brigadista Luis Martínez.
O esforzo céntrase en perimetrar un lume que causou desacougo na veciñanza.
"Levamos algo de medo e menos mal que veu a tormenta e axudou a apagar", di unha residente da zona.
As lapas non chegaron ás vivendas pero si á zona de especial valor ecolóxico como a Edreira ou A Ferrería, este último xa no concello de Montederramo.
"Unha pobreza, a nivel ecolóxico, a nivel biolóxico e a todos os niveis", di un veciño quen tamén opina que mentres non se cambie o enfoque centrado na extinción polo da prevención vai seguir ardendo todo.
En superficie queimada o do Macizo Central é o maior incendio deste mes de agosto en Galicia despois do da serra da Barbanza. Este quedou extinguido unha semana despois de comezar, tras queimar 2.200 hectáreas, 607 de superficie arborizada e 1593 de monte raso.
A última hora deste venres quedou estabilizado o incendio do Irixo e controlado o de Boborás.
Unha persoa detida
E a investigación aberta deu coa causa do incendio que o pasado 5 de xullo puxo en perigo zonas habitadas no concello de Ames. Provocouno unha persoa que prendeu lume cun chisqueiro nunha xornada de altas temperaturas e forte vento.
E a Policía autonómica detivo a presunta autora dun incendio intencionado en Ribeira que afectou unha pequena superficie de monte raso fronte unha gasolineira. É a segunda vez que se tramitan dilixencias contra ela por prender lume.