O incendio do sur de Tarragona afecta a case 2.900 hectáreas e obriga a confinar 18.000 veciños
Os bombeiros manteñen cortes nas estradas e confinamentos
Un terzo da zona arrasada polo lume, impulsado polo vento do noroeste, está dentro do parque natural de Els Ports
A Generalitat informou da incorporación de máis de 100 militares da UME aos labores de extinción
O incendio forestal iniciado onte en Paüls (Tarragona) afecta xa unha superficie de 2.899 hectáreas e obrigou a confinar nas súas casas 18.000 veciños de sete poboacións da zona, segundo os equipos de emerxencias da Generalitat.
En concreto, Protección Civil ordenou o confinamento nas súas casas dos veciños dos municipios de Paüls, Xerta, Alfara de Carles, Aldover, Tivenys e Roquetes e dos barrios de Bitem, Jesús e Els Reguers de Tortosa, o cal afecta a unha poboación total de 18.000 persoas.
Ademais, aos veciños das poboacións de Pinell de Brai e de Prat de Compte ordenóuselles un confinamento parcial: poden saír das súas vivendas, pero a mobilidade queda limitada a desprazamentos dentro do propio municipio.
Segundo o último balance dos axentes rurais, este incendio afecta xa a unha superficie dunhas 2.899 hectáreas, na súa maioría de zona forestal. En concreto, un 30 % da zona queimada é parte do parque natural de Els Ports.
"Aínda quedan horas críticas en relación á extinción deste incendio", advertiu a conselleira de Interior da Generalitat, Núria Parlon,l nunha comparecencia ante os medios este martes no Centro de Mando dos Bombeiros da Generalitat,
Parlon informou de que máis de 100 militares da UME se incorporan este martes aos labores de extinción do lume con medios aéreos.
A conselleira sinalou que a Generalitat decidiu que era necesario activar a UME para combater a virulencia do incendio e dispoñer dos medios polo risco de novos incendios co fin de ter unha capacidade operativa maior.
Parlon explicou que máis de 300 bombeiros traballaron toda a noite contra o lume e que o flanco esquerdo do incendio traspasou a estrada que vai de Paüls a Xerta, o cal dificultou moito os labores de extinción.
A Generalitat mobilizou os bombeiros libres de garda para que se incorporen de inmediato aos seus postos de traballo.
Antes das 08:00 horas, volvéronse activar os medios aéreos. Iso, segundo a conselleira, debería permitir delimitar e estabilizar o incendio nas próximas horas. Engadiu que se agarda que a partir das 14:00 se reduza o forte vento e os efectivos poidan traballar en mellores condicións.
Pola súa banda, o xefe dos bombeiros, o inspector David Borrell, remarcou que as tarefas de extinción do lume se complicaron pola noite porque o vento empezou a soprar con máis forza a partir das 22:00 horas.
"Aínda que esperabamos o vento forte, sorprendeunos a forza que tivo. Estivemos traballando toda a noite de forma moi precaria, moi dura, e estivemos protexendo a poboación. Pola noite, a sensación de inseguridade é maior e tivemos que atender bastantes alarmas e dar resposta para que a poboación se sentise segura", dixo Borrell.
Explicou que houbo focos secundarios que cruzaron o Ebro e comprometeron a serra do Cardó e tamén rebrotes importantes en Alfara de Carles.
Os bombeiros continúan moi atentos á evolución do vento e pola tarde elaborarán un novo plan de acción para afrontar o incendio. "A partir do mediodía veremos como vai avanzando o vento e como se vai comportando", sinalou Borrell.
"Esperamos que sexan horas moi difíciles; por iso, os cortes de estradas e os confinamentos previstos mantéñense", concluíu o xefe dos bombeiros.
Os habitantes de varias masías illadas foron evacuados e trasladados a Tortosa. Cinco estradas permanecen pechadas ao tráfico pola presenza de fume ou po procedente do incendio.