Exporpymes, unha cita para que as pemes abran mercados exteriores
A cámara de Comercio trae ata Coruña 75 importadores de 30 países
Participan pemes galegas da alimentación, a limpeza, e, por vez primeira, da saúde
As exportacións galegas medraron un 30 % no último ano malia o difícil contexto internacional
Viño, conservas, produtos de limpeza, mobles para equipar tendas... as pequenas empresas do país teñen moito que ofrecer ao mundo, pero para que as coñezan precisan un empurrón. E niso consiste Exporpymes, que trae ata A Coruña 75 importadores de 30 países.
"Facemos contactos que non poderiamos ter por falta de tempo ou de cartos" explican desde o stand da empresa de hixiene profesional Sisquiga, de Guitiriz.
"Tentamos darnos a coñecer, queremos traballar a nivel internacional e deixar a pegada de Galicia no mundo" engade Alfredo Rodríguez, de Mobiliario Inoxfry, A Coruña.
Por vez primeira o evento acolle tamén empresas de saúde, como a coruñesa Dilema Solutions, que presenta ante os importadores o seu programa informático para axudar na toma de decisiones médicas.
"A exportación aumentou un 30 % máis ca o ano pasado malia a situación internacional. Viñamos dun récord e imos cara a outro novo", di Pablo López Blanco, xefe de promoción exterior da Cámara de Comercio da Coruña.
A Cámara de Comercio da Coruña organiza a cita para que as firmas galegas conquisten o mapa, despois de que o ano pasado se bateran marcas con 25.000 millóns en exportación.
A Unión Europea é a principal importadora dos nosos produtos, pero tamén hai unha crecente demanda en países como os Estados Unidos ou Marrocos.