Éxito do segundo paseo pola saúde na cidade de Ourense
Medio milleiro de persoas participan na andaina solidaria
Mais de cincocentas persoas uníronse ao 'Paseo pola saúde', unha forma lúdica e saudable de dar a coñecer o traballo das diferentes asociacións que axudan a enfermos crónicos na provincia.
Unha actividade organizada polo consello asesor de pacientes da área sanitaria de Ourense. As vinte asociacións que o forman impulsaron esta xornada de andaina e festa, que cada un levaba ao seu ritmo.
Así poñen en valor o seu traballo e a importancia dos hábitos de vida saudables. Carmen Aragonés, Xerente Asociación Española contra o cancro Ourense, comenta: "Estamos aquí con todo o equipo de voluntariado para sensibilizar a xente, para hábitos saudables. Camiñar todos os días é moi bo para a saúde concienciar de todos os servizos que temos, gratuítos, para toda a sociedade ourensá".
Noelia Luque, da Asociación de Dano Cerebral Adquirido, di que "esta é a forma de que toda a poboación ourensá e a cidadanía vexa a importancia do mundo asociativo que hoxe estamos aquí concentradas e damos unha cobertura importante a esas persoas que tras a alta hospitalaria non teñen un recursos específico a onde ir".
Belén Piñeiro, xefa de Servizo de Atención ao paciente e Humanización da área sanitaria de Ourense, conta que "ademais desta camiñada vai haber uns obradoiros que organizan 'Pupas, sustos e outros desgutos', nutricionistas, e as propias entidades que van dar información sobre o que fan para todos aqueles que se queiran achegar".
Especial atención este ano aos nenos, con obradoiros e actividades lúdicas. Voluntarios, pacientes e cidadáns solidarios sumáronse a esta xornada tan especial a beira do Miño.
"Isto está moi ben para a saúde e para ter unha vida mellor", afirma un dos participantes nas acitividades, e outra salienta que "é unha marabilla, porque a maneira de saber coidarnos é ver que todos, distintos, buscamos o mesmo, que é estar cada día un pouco mellor, ou polo menos levar as enfermidades crónicas a bo porto".
Paso a paso amósase así a unión e a importante labor de todas as entidades do chamado terceiro sector.