Publicador de contidos

Publicador de contidos

Evitan un intento de ocupación ilegal dun edificio en Lugo

Evitan un intento de ocupación ilegal dun edificio en Lugo

Os axentes de policía que frearon a usurpación identificaron ata oito persoas cando trataban de acceder ao interior do inmoble

O edificio está situado na rúa Lamas de Prado
Félix Aragunde. Imaxe: David Barreiro. 03/06/2026 13:57 Última actualización 03/06/2026 14:08

Alertado por un veciño, o dono dun edificio de dúas plantas na rúa Lamas de Prado, en Lugo, puido frear un intento de ocupalo de xeito ilegal. Unha vez deu aviso ao 091 de que estaban a forzar a porta do inmoble, os axentes acudiron ao lugar e identificaron un nutrido grupo de intrusos. 

"Moi importante, a colaboración veciñal, posto que avisaron o propietario ao ver estes individuos querendo acceder ilegalmente á vivenda. O dono, á súa vez, chamounos a nós, que acudimos ao lugar e freamos a ocupación. Neste caso eran oito persoas as que estaban tratando de ocupar a casa", sinala Lucía González, voceira da comisaría de Lugo. 

"Ese é un dos problemas, o feito de que cando están ocupadas as vivendas os propios donos non fagan as denuncias pertinentes. Iso fai que os ocupas poidan quedar aí moitísimo tempo. Neste caso si que axilizou bastante o tema coa denuncia, que é o trámite que hai que facer, a folla de ruta", subliña Fernando Toubes, portavoz da plataforma veciñal SOS Milagrosa Lugo Norte. 

Unha vez abortado o intento de usurpación do edificio, o propietario tapiou a entrada. O mesmo inmoble, que ten luz e auga, xa fora ocupado ilegalmente en varias ocasións ao longo dos últimos meses. 

"Certas zonas é verdade que teñen edificios máis antigos, de xente maior que os deixa e vai vivir a outro lado e que tampouco os reforma. Neses casos si que se recomenda tapiar", aconsella a voceira da comisaria lucense.

"Se non se utiliza a vivenda para absolutamente nada e leva anos así, que a nivel institucional tamén se movan porque hai demanda social de vivenda. Pódese falar co propietario para acordar unha expropiación. E que haxa normativas municipais para estas vivendas non queden abandonadas", engade o portavoz veciñal.  

Malia todo, segundo a policía, Lugo figura entre as dez cidades de todo o ámbito estatal con menos ocupacións de vivendas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade