Evacúan varias plantas do Pentágono por un incidente con materiais perigosos
Segundo fontes do Departamento de Guerra citadas por medios estadounidenses o incidente afectaría a calidade do aire
Vista do Pentágono, sede do Departamento da Guerra, en Washington DC. Reuters
Varios pisos e corredores no Pentágono foron evacuados e pechados este xoves debido a un incidente con materiais perigosos supostamente relacionado con problemas na calidade do aire, segundo fontes do Departamento de Guerra citadas por medios estadounidenses.
O portavoz da axencia militar, Sean Parnell, confirmou que os sistemas do gran complexo nas proximidades de Washington "detectaron un problema de calidade do aire que require medidas de precaución ata que determinemos o seu alcance".
"O Departamento está a aplicar os protocolos de protección estándar, incluída unha orde de confinamento no lugar para a zona afectada. Os equipos de resposta xa están despregados e listos para asistir os ocupantes do edificio", explicou Parnell, citado pola cadea CNN.
O corpo de bombeiros do condado de Arlington, Virxinia, informou en X que varias das súas unidades, incluído o "equipo de materiais perigosos, están a operar actualmente no Pentágono en apoio ao equipo de materiais perigosos" da instalación militar.
Nunha mensaxe, replicada por medios, o equipo de seguridade de edificio do Departamento de Guerra detectou un "problema de calidade do aire" polo que necesitan probas adicionais que poderían "levar unha ou dúas horas".
"Os equipos de resposta están despregados e preparados para asistir os ocupantes do edificio se fose necesario. É posible que vexan persoal de resposta de diversas axencias e medidas de precaución no patio central", indica o texto.
De momento, o granede edificio permanece pechado e non se atoparon elementos perigosos ou que poidan representar unha ameaza. Varios medios estadounidenses informan sobre axentes con máscaras antigas e traxes de protección química.