Evacúan a comisaría da Policía Nacional de Santiago por un incendio
O suceso obrigou a evacuar as dependencias policiais, e tamén o reitorado e un instituo de secundaria próximo
O lume iniciouse nunha zona de almacenamento de pneumáticos e provocou unha nube de "fume tóxico" na cidade
O incendio que obrigou a evacuar na mañá deste xoves a comisaría de Policía Nacional de Santiago de Compostela, situada na avenida Rodrigo de Padrón, deuse por controlado máis de tres horas despois.
O lume iniciouse no lateral do edificio "probablemente na galería de tiro" de adestramento, segundo o delegado do Goberno en Galicia, e levantou unha ampla columna de fume visible en diversos puntos da cidade.
Nun acto na Coruña, Pedro Blanco explicou que o incendio "está absolutamente controlado" e que non se rexistraron danos persoais, ao tempo que apuntaba a un posible curtocircuíto como causa do suceso.
Foron os propios axentes os que deron a voz de alarma contra as dez da mañá.
O foco produciuse nunha zona de almacenamento de pneumáticos e provocou unha nube de fume tóxico
O lume iniciouse contra as dez da mañá. A comisaria xefa da Policía Nacional de Santiago afirma que activaron o protocolo despois de que un compañeiro que se atopaba na planta -3 dera a voz de alarma tras detectar un "fío de fume nun extractor".
Nese momento procedeuse á evacuación do inmoble, tanto dos funcionarios como do público que acudira ás unidades de DNI, pasaporte e negociado de estranxeiros.
Nuria Palacios asegura que é un pouco cedo para determinar a orixe do mesmo, xa que "o fume non nos permite definir o lugar exacto do incendio", aínda que non desbota que fose na galería de tiro, onde hai pneumáticos almacenados.
Á espera de avaliar os danos, a comisaria salienta que non existe ningunha persoa afectada. Palacios pide "paciencia" ás persoas que tiñan cita na Oficina de Expedición do DNI e na Oficina de Estranxeiría, e confía en que se poda retomar a "normalidade" canto antes.
Fontes do Concello indicaron que son 21 os bombeiros que están implicados nos labores de extinción das lapas neste edificio, e tres máis no parque compostelán, algúns dos cales renunciaron expresamente ás súas libranzas para sumarse ao efectivo.
A instalación policial é contigua a un centro de educación secundaria, que foi desaloxado. Tamén ten moi preto o reitorado da Universidade de Santiago de Compostela, que tamén evacuaron precisamente no día no que se celebran eleccións a reitor.
Segundo os datos de Meteogalicia, que dispón de sensores sobre calidade do aire en tres puntos da cidade e divulga os seus resultados en tempo real, non hai de momento indicios de toxicidade do fume desprendido. Con todo os efectos do fume nótanse en cada rincón próximo á comisaría e as farmacias incrementaron notablemente a venda de máscaras.
O edificio foi obxecto dunha ampla reforma por parte do Ministerio do Interior no 2010, que incluíu a desmontaxe e recorte das pedras do exterior da fachada. Tamén no interior e acometeron melloras. As obras tiveron un investimento de 7 millóns de euros.
O inmoble, xa rehabilitado, foi reaberto a finais de 2011.