Estudar para maquinista, aprender a poñerse aos mandos dun tren
En Santiago está un dos nove centros en que se forman os futuros condutores de ferrocarril
E en Santiago fórmanse desde esta semana futuros maquinistas de tren. Reciben nun curso a preparación teórica e práctica necesaria para conducir os convois de Renfe.
Son un total de 20 alumnos os que se forman en Compostela dun total de 305 repartidos en 9 centros de toda España. Aprenderán todo o necesario para conducir un tren nun curso que dura 1.150 horas, das que 250 serán xa a bordo dunha máquina en prácticas de condución efectiva. O centro de estudos está situado ao lado mesmo da estación da capital de Galicia.
Entre os 20 alumnos que comezan en Compostela a formación para ser maquinistas hai quen segue unha tradición familiar, e outros como David que nunca tiveron relación co mundo do ferrocarril e agora deciden dar o paso. "Sempre me gustaron os trens e a mecánica", afirma.
Dende 2009 Xosé Antonio é a persoa que se encarga de formar os futuros maquinistas, e se hai algo que destaca nestes últimos anos do perfil do alumno é a idade. "Ultimamente a gama de idade varía moito, dende os 20 anos ata mesmo os 50", explica o profesor.
É o caso de María que decidiu cambiar deixando atrás o seu traballo como administrativa. "Estaba estancada, unha nova saída profesional unha oportunidade de crecemento a nivel persoal e con moitas ganas", conta.
Por diante teñen nove meses de formación e unha vez superado o exame xa poderán exercer a profesión de maquinistas.