Folga na frota galega para reclamar medidas contra a suba do combustible
Piden medidas compensatorias e fixar uns prezos razoables para o sector primario
O colapso nas lonxas e a imposibilidade de mover a mercadoría fai insostible a situación
Máis de catro mil embarcacións en Galicia están chamadas a unha folga que se inicia este luns no sector pesqueiro.
"Non podemos saír ao mar a empatar custos. Xa non digo a perder porque xa sería ridículo. E na maioría dos casos imos a empatar", asegura José Manuel Rosas, presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra.
Piden medidas urxentes e inmediatas para pór fin a unha situación de colapso promovida pola suba do combustible, que afecta a todo o sector primario.
Agora mesmo a materia prima que podería chegar este luns ás lonxas, a través dos barcos de altura, tampouco tería saída aos mercados pola folga do transporte. Na cooperativa de armadores de Vigo avisan.
"Se non xeramos ingresos polas vendas, imposible seguir mantendo esta cadea. Conclusión, cremos que se vai acelerar o proceso de parada das frotas, salvo que poidamos encontrar unha solución entre as distintas partes interesadas", Javier Touza, presidente de ARVI.
Cren que se poden adoptar medidas urxentes coma as anunciadas por Francia. Compensar con 35 céntimos os barcos por cada litro de combustible consumido.
O mércores reuniranse co ministro de Pesca e Agricultura, que este luns viaxará a Bruxelas. José Manuel Rosas fala das medidas que poderían parar este conflito.
"Sería formidable que se teitase o prezo do gasóleo profesional mentres sigamos nesta situación, ou se non buscar medidas compensatorias. Eliminar os pagos á seguridade social, que son moi directos".
Os barcos do cerco tamén están amarrados ao porto, cando a súa campaña comezou xa hai unha semana. Se non atopan solución, deixarán a folga e tentarán consensuar mobilizacións.