Estáncase o descenso da incidencia en España, que aínda está no risco alto
A presión hospitalaría segue baixando tanto en planta como en coidados intensivos
Galicia baixa das 400 persoas hospitalizadas, pero continúa o aumento de casos activos
.png)
A incidencia covid estáncase tras descender só 5 puntos no último día ata os 430 casos, con España aínda en risco alto de transmisión, pero cunha ocupación hospitalaria nas unidades intensivas (8,1 %) e en planta (4 %) que continúa baixando en todo o país.
Os datos do Ministerio de Sanidade indican que nunha semana o indicador de transmisión acumulada a 14 días decreceu nunha media de só 8 puntos diariamente, nun contexto no que todas as comunidades foron flexibilizando as restricións a medida que foi perdendo magnitude a sexta vaga.
Aumenta en Baleares, Castela e León, Estremadura, Galicia e País Vasco.
Notificáronse 21.936 novos casos (23.149 onte), mentres repunta a incidencia acumulada a 7 días, de forma leve novamente, en 6 puntos ata os 211 casos, senda que comezou o xoves pasado cando chegou aos 192 e comezou a subir.
Sobe este indicador nos territorios de Andalucía, Baleares, Canarias, Castela e León, Cataluña, Ceuta, Estremadura, Galicia, Navarra e País Vasco.
No último día as comunidades comunicaron 133 decesos, 14.075 no que vai da sexta onda e 100.992 en toda a pandemia.
Os hospitais continúan liberándose de pacientes covid con 5.061 ingresados aínda (6.188 hai unha semana) e hai 743 graves nas unidades de coidados intensivos. Mantense a tónica de máis altas (753) que ingresos (517) no último día.
En Galicia segue descendendo a ocupación hospitalaria -que se atopou baixa durante toda a sexta vaga- a pesar de que estes últimos días se rexistrase un incremento de contaxios.
Hoxe o director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, opinou que a máscara podería desaparecer "nun período curto de tempo" e que a covid-19 se converterá nunha "enfermidade endémica" para a que podería non ser necesario continuar con vacinacións de reforzo.
A OMS pide aos países non deter as probas de detección
A Organización Mundial da Saúde (OMS) alertou de que a redución ou o abandono das probas de detección da covid en moitos países está a dificultar un seguimento adecuado da pandemia, que "está lonxe do seu fin" xusto agora que cumpre dous anos.
"O virus segue expandíndose a niveis aínda demasiado rápidos, e aínda que houbo unha tendencia descendente seguimos por encima dos 10 millóns de casos semanais", avisou a responsable da unidade técnica anticovid da OMS, Maria Van Kerkhove.
Mentres que o seu director xeral, Tedros Adhanom Ghebreyesus, apuntou que moitos países en Asia-Pacífico están a sufrir fortes aumentos de contaxios e mortes, mentres noutras latitudes numerosos países reduciron drasticamente os tests, o que reduce a habilidade para ver onde está o virus e como se propaga.