Os Estados Unidos enviarán a Ucraína munición con uranio empobrecido para tanques
O uso destes proxectís con uranio empobrecido é un tema controvertido polo seu posible impacto na saúde e o medio natural

Os Estados Unidos anunciaron este mércores un novo paquete de axuda para Ucraína valorado en 175 millóns de dólares, que por primeira vez inclúe munición con uranio empobrecido para tanques.
Esa munición vai destinada para os tanques Abrams, detallou o Pentágono nun comunicado.
Tamén haberá material para apoiar o sistema de defensa aéreo ucraíno e munición adicional para mísiles HIMARS.
O uso de proxectís con uranio empobrecido, que teñen maior capacidade para perforar blindados, foi durante moito tempo un tema controvertido debido aos seus posibles impactos na saúde e o medio ambiente.
O portavoz do Consello de Seguridade Nacional da Casa Branca John Kirby dixo que as municións con uranio empobrecido son "máis pesadas" que a artillería normal e "moi efectivas" contra os blindados.
"Queremos asegurarnos de que os ucraínos poden ser tan efectivos como sexa posible nesta contraofensiva e cremos que a munición con uranio empobrecido lles axudará a selo", recalcou Kirby.
O voceiro do Consello de Seguridade Nacional apuntou: "Moitos exércitos usan munición con uranio empobrecido, non só Os Estados Unidos; engadiría que tamén Rusia".
"Non hai gran controversia aquí excepto a que Rusia está a tentar crear. (...) É unha munición efectiva no campo de batalla e non supón unha ameaza radioactiva para a xente", sostivo Kirby.
Xa en marzo, despois de que o Reino Unido admitise plans para a subministración a Kíiv de munición con uranio empobrecido, Rusia alertou do risco de contaminación radioactiva e advertiu de que Moscova se vería obrigada a reaccionar no caso de que Ucraína utilice ese tipo de armamento.