A DXT prevé 700.000 desprazamentos en Galicia nunha operacion retorno escalonada
Iberia Express cancela seis voos con orixe ou destino en Santiago pola folga de finais de mes
Renfe vai reforzar entre este venres e o mércores da semana que ven as liñas máis demandadas con máis de 60.000 prazas
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé 4.890.000 viaxes de longo percorrido na operación retorno do verán que comeza este venres, 26 de agosto, e permanecerá activa ata a medianoite do domingo 28. Destes desprazamentos, 684.000 serán, previsiblemente, en Galicia.
A DXT activa ás tres da tarde a operación retorno cun reforzo da vixilancia das estradas, pero non contempla ningunha medida adicional para punto en Pedrafita afectado polas obras na A-6.
Desde a Delegación do Goberno avisan das dificultades e recomendan utilizar vías alternativas e espaciar no posible as viaxes para evitar as horas de máis concentración de vehículos, entre as 12 da mañá e as 5 da tarde.
Nas primeiras horas da tarde o tráfico era fluído polos accesos a Galicia a través do desvío habilitado para o tráfico tras a derruba de parte do viaduto do Castro.
Un dos puntos máis complicados de Galicia está na saída de Pedrafita, na A-6
En Galicia, un dos puntos máis problemáticos da operación retorno está na saída de Pedrafita na A-6. As obras no treito da autovía que colapsou a comezos de xuño, unidos aos desprazamentos de comezo e remate de vacacións fan que xa arestora comece a complicarse a situación.
A primeira hora desta tarde aínda non se podía falar de colapso, pero si de circulación lenta tanto na saída da autovía como no centro de Pedrafita.
Para esta fin de semana agárdase que se poidan volver repetir as ringleiras de vehículos como veu ocorrendo durante este mes de agosto.
O peor chegará na fin de semana. Actívase a operación retorno das vacacións, unha data que se suma aos desprazamentos que se realizan nunha fin de semana habitual do mes de agosto.
A DXT vai reforzar a vixilancia nas estradas coincidindo coa operación retorno. Pero, neste punto negro da circulación pola rede viaria en Galicia non se agarda dispositivo adicional ningún.
Desde a Delegación do Goberno advirten os condutores das complicacións da circulación a través deste punto da autovía A-6.
Operación retorno en Galicia
No caso de Galicia, as estradas máis afectadas serán a AP-9, a A-6, a A-8, a A-52, a A-55 e a N-500, segundo informou a DXT, que ten recomendable planificar os desprazamentos con antelación e, se é posible, evitar os momentos máis desfavorables
Coinciden os desprazamentos habituais da fin de semana cos de regreso de vacacións
Durante estes días coincidirán na estrada os desprazamentos habituais dunha fin de semana de verán, cos dos cidadáns que regresen aos seus lugares de residencia despois das vacacións. A DXT prevé que estes movementos se produzan especialmente o domingo 28, aínda que se seguirán realizando por etapas ata finais deste mes de agosto.
Segundo as previsións de tráfico, entre as 16:00 e as 22:00 horas deste venres, e o sábado pola mañá, principalmente entre as 9:00 e as 13:00 horas, produciranse importantes movementos de longo percorrido que provocarán intensidades de tráfico elevadas que pode provocar retencións de saída das grandes cidades, así como nas principais vías de comunicación de acceso a zonas turísticas e de descanso, tanto na costa como na montaña.
Na noite do venres, os problemas poden localizarse nas áreas obxecto de destino. A estes movementos, dos que comezan agora as súas vacacións, sumaranse as habituais saídas de comezos da fin de semana de verán cara ás zonas costeiras e segundas residencias.
O sábado pola tarde poderán observarse movementos de volta aos grandes núcleos urbanos dos que finalizan as súas vacacións e realizan o regreso gradual aos seus lugares de residencia, podendo producirse intensidade circulatoria nalgúns eixos viarios.
Na mañá do domingo, o tráfico pode ser conflitivo nas estradas que comunican as localidades costeiras e o acceso ás zonas de praia en rutas de curto percorrido, mentres que desde primeira hora da tarde, sobre todo entre as 17 e as 23.00 horas, comezará a volta, tanto dos que rematan as súas vacacións en agosto e dos que saíron a gozar da fin de semana, podendo producirse incidencias de alta intensidade de tráfico nos eixos viarios principais que comunican as zonas costeiras, de montaña ou de segunda residencia con acceso ás grandes cidades.
Dispositivo especial de Tráfico
A DXT estableceu unha serie de medidas para regular, organizar e controlar o tráfico con motivo da operación retorno de agosto, como a instalación de carrís e reversibles con conos nos momentos de maior circulación e nas principais vías de acceso ás grandes cidades.
Tamén está prevista a restrición da circulación de vehículos de mercadorías perigosas, transportes especiais e camións en xeral e dos que transportan determinadas mercadorías en determinados tramos, datas e horarios.
Nalgúns casos vanse paralizar as obras nas estradas e limitarase a celebración de eventos deportivos e outros que supoñan a ocupación da vía. Así mesmo, deseñaranse itinerarios alternativos recomendados segundo orixe e destino, con distancias e tempos de percorrido e, nalgúns casos, evitando a zona central, que é a de maior intensidade circulatoria.
A estas medidas súmanse os medios humanos dos que dispón, entre os que se atopan non só os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, senón tamén funcionarios e persoal técnico especializado da DXT que atenden os seus sete Centros de Xestión de Tráfico, as patrullas de helicópteros e as máis de 13.000 empregados das empresas de conservación e explotación do Ministerio de Fomento e do resto de titulares da vía, así como do persoal dos servizos de emerxencia.
O dispositivo especial tamén conta con todos os medios materiais dos que dispón a Dirección Xeral de Tráfico e entre os que se atopan os 780 radares fixos de control de velocidade, dos cales 92 son seccionais, 545 radares móbiles que se poden levar a bordo de vehículos ATGC, 12 helicópteros e 39 drons, 23 deles con capacidade de denuncia, ademais de 245 cámaras e 15 furgonetas camufladas para controlar o uso de móbiles e cintos de seguridade.
A DXT tamén conta con vehículos e motos sen sinalización que circularán por todo tipo de vías para vixiar calquera infracción.
Actividade nos aeroportos e Renfe reforza as liñas para os que regresan ou saen de vacacións
O regreso das vacacións tamén se nota nas estacións de tren. Renfe vai reforzar entre este venres e o mércores da semana que ven as liñas máis demandadas con máis de 60.000 prazas. Nos aeroportos tamén se prevé unha fin de semana intensa. Remata agosto, e para moitos toca volver á rutina.
Hai quen deixou as vacacións para setembro, pero agosto segue sendo o rei das vacacións de verán. Por iso esta fin de semana, última do mes, para moitos toca ir regresando e retomar a rutina do día a día.
Vai ser unha fin de semana de actividade intensa nos aeroportos; en concreto no aeroporto de Santiago prevese que cheguen e saian arredor de 200 voos entre as tres da tarde de hoxe e as doce da noite do domingo. Turistas que escolleron Galicia para pasar as vacacións e galegos que traballan fóra xa iniciaban esta mañá a súa operación retorno ou que marchan de vacacións.