Doenzas no ril, enfermidades silenciosas que non avisan
En Santiago realizáronse probas gratuítas coincidindo coa celebración esta semana do Día Mundial do Ril
O 15 por cento dos españois padece algunha patoloxía renal crónica. Chámanlle a enfermidade silenciosa porque, sen apenas síntomas nas fases iniciais, o diagnóstico vén moitas veces cando a doenza está en fase avanzada. Por iso é fundamental a prevención. En Santiago realizáronse probas gratuítas con motivo da celebración esta semana do Día Mundial do Ril.
Lola Arenas, directora asistencial da Fundación Renal, di que "o que se persegue con estas probas é evitar que a xente chegue a perder a función do ril, porque cando iso pasa tes que substituíla con tratamentos que son moi sacrificados".
Coa misión de que a poboación detecte a tempo problemas renais establécense estas probas gratuítas, que tiveron moita aceptación entre os veciños de Santiago. "Falamos da prevención e logo cando temos unha oportunidade así hai que aproveitala. "É só un momento e saes moi ben informado".
Cristina Sanz, directora xeral da Fundación Renal, di que se trata dunha "enfermidade silenciosa que non dá síntomas ata que está avanzada e que por iso é moi importante a detección precoz".
E todo a través dunha simple picada. Os riles son o gran filtro do noso organismo. Se non elimina como debe os residuos increméntanse as posibilidades de infartos ou ictus.