Espiar o móbil alleo é un delito consentido a pesar de estar penado con cárcere
O Código Penal fixa penas de ata 4 anos de cárcere por vulneración da intimidade

Con independencia da escusa que se poña para facelo, espiar o móbil alleo é unha forma de acoso que, polo menos para o 15% dos enquisados está plenamente normalizada.
O acceso consentido está pactado entre os membros da parella. Outra cousa é axexar ou aceptar o control unidireccional, que evidencia a toxicidade dunha relación. En especial, as opinións profesionais insisten na educación das xeracións novas no bo uso da tecnoloxía.
A necesidade de controlar a parella evidencia o medo e a inseguridade de quen acosa. O estudo revela que Rusia, O Brasil e os Estados Unidos son os países que rexistran maior número de incidencias deste tipo. En Europa, Alemaña encabeza a listaxe seguida de Italia, o Reino Unido, Francia, Polonia e España.
O Congreso aproba a mellora das condicións dos orfos por violencia machista
A Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados aprobou hoxe a mellora das condicións dos orfos a causa da violencia machista. A medida permitirá que os menores cobren a pensión de orfandade aínda que sexan adoptados por familiares e tamén, nos casos de maior vulnerabilidade, cando o asasino non sexa o seu pai. A norma aprobada contou co único voto en contra de Vox.
A lei galega de violencia de xénero xa contempla a violencia dixital
E hoxe entrou en vigor a reforma da lei galega de violencia de xénero que incorpora a violencia dixital como unha forma de violencia que se exerce contra as mulleres. A nova lei recoñece como violencia machista condutas como o ciberbullying ou a creación de perfís falsos para desprestixiar á vítima.
Tamén será violencia machista a gravación e difusión de imaxes tomadas sen consentimento tanto no ámbito público como privado, polo que casos como o da Maruxaina serían considerados delitos de violencia de xénero.