Galicia rexistra nove casos de varíola do mono, ningún deles grave
España suma 400 casos máis en apenas tres días e supera os 1.200

O Ministerio de Sanidade informou este venres de que a Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica confirmou xa ao redor de 1.200 casos de varíola do mono, 400 máis ca hai tres días.
A ministra Carolina Darias explicou que España dispón dunhas 5.500 doses da vacina contra a varíola do mono, 200 adquiridas a principios de xuño e outras 5.300 das que repartiu a Autoridade de Preparación e Resposta ante Emerxencias Sanitarias da Comisión Europea. "Temos xa unha cantidade importante", avaliou.
Segundo dixo, a Comisión de Saúde Pública volverase reunir a semana que vén para abordar o protocolo de actuación ante esta enfermidade. O protocolo, subliñou, é "dinámico e sempre está en revisión", polo que se irá adaptando á evolución da enfermidade e das vacinas dispoñibles, que xa se están administrando.
"Máxima tensión e máxima disposición de vacinas", incidiu a ministra, quen apostilou que tamén se dispón de tratamento antivirais, aínda que aínda non se utilizaron "pola levidade" dos casos rexistrados.
O número de casos en Galicia sobe a nove, á espera de que dous sexan confirmados polo Centro Nacional de Microbiología. "Gustaríanos que fosen máis pequenos, pero hai certa estabilidade no crecemento", sentenciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña que asegurou que non hai un aumento "exponencial".
Tamén dixo sobre os casos detectados que se está á espera de "valorar" se necesitan vacinación tanto os afectados como o seu círculo. "Ningún é grave", indicou.