España eliminará a máscara en interiores o 20 de abril
Consenso na Interterritorial de Saúde en deixar pasar a Semana Santa para quitala
Seguirá sendo obrigatoria no transporte, hospitais e residencias
A situación epidemiolóxica permitirá que o próximo 20 de abril poidamos deixar de usar máscara en espazos interiores. Só seguirá sendo obrigatoria no transporte público e nos lugares en que é preciso protexer persoas vulnerables: centros sociosanitarios e hospitais.
"No interior de centros asistenciais tanto para traballadores como visitantes e incluso as persoas ingresadas se están compartindo espazo común. As persoas que viven nas residencias non terán que levala, pero si os traballadores e os que van de visita", explicou a ministra de Sanidade, Carolina Darias.
E por unanimidade o Consello Interterritorial de Saúde acordou que a máscara desapareza das aulas.
"En ningún caso nos ámbitos escolares. O posicionamento dos expertos do relatorio de alertas era claro en que os rapaces e rapazas tiñan que deixar de usar a máscara", aclaraba Darias.
E ainda que non será obrigatoria as autoridades sanitarias insisten en que é recomendable mantela nalgunhas circunstancias.
"Por exemplo, nos interiores pechados, nos ambitos laborais onde non se poida manter a distancia. Por suposto, todas as persoas vulnerables deberían seguir levando máscara. E en sectores como a hostalería ou centros comerciais é recomendable usala tamén", detallaba o conselleiro de Sanidade.
Julio García Comesaña mostrouse satisfeito co acordado na Interterritorial de Saúde. Valorou que se agarde a despois de Semana Santa porque iso permitirá ver os efectos da fin do illamento dos asintomáticos e deixar pasar unhas datas de aglomeracións e moita interacción social.
O Goberno só regulará cando é obrigatorio usar a máscara. Serán os servizos de prevención de cada empresa os que decidan se é recomendable ou non mantela nos seus espazos de traballo.