España gaña en Grecia e precisa un empate para estar no Mundial
España gaña en Grecia e precisa un empate para estar no Mundial
O gol de Sarabia de penalti fai que España chegue á última xornada como líder do grupo cun punto de vantaxe sobre Suecia
Os suecos, que perderon en Xeorxia, serán os rivais no partido decisivo o vindeiro domingo en Sevilla
Non era unha final definitiva, pero un triunfo en Grecia aliviaba a presión para o partido do domingo diante de Suecia. A selección española tivo que sufrir en Atenas, pero acabou gañando por 0-1 grazas a un penalti transformado por Sarabia mediado o primeiro tempo.
Nun partido pouco brillante no que debutou Raúl de Tomás como dianteiro titular a carón de Morata, o equipo de Luis Enrique estivo sobrio no traballo defensivo pero pouco creativo en ataque. O gol de Sarabia deu tranquilidade ante unha Grecia que xogaba as escasas posibilidades que tiña para entrar na cita mundialista. Os gregos fixeron presión algo máis no segundo tempo pero foron incapaces de superar a defensa española.
O domingo todo se vai decidir na Cartuja. Luis Enrique céntrase nese partido.
Grecia: Vlachodimos, Androutsos, Goutas, Tzavelas, Tsimikas, Giannoulis (Limnios 67), Masouras (Tziolis 46), Siopis, Bouchalakis (Pelkas 78), Mandalos, Pavlidis (Douvikas 46).
España: Unai Simón, Carvajal, Iñigo Martínez (Azpilicueta 89), Laporte, Gayá, Koke, Rodri, Gavi (Busquets 65), Sarabia (Olmo 57), Morata (Fornals 65), De Tomás (Rodrigo 57).
Goles: 0-1 Sarabia 26' penalti
Tropezo de Suecia contra prognóstico
Suecia tíñao todo de cara, pero a derrota na penúltima xornada contra todo prognóstico en Xeorxia (2-0) deixoulle o camiño máis doado á selección española.
España adianta a Suecia á fronte do grupo. Ten un punto máis e iso outórgalle unha pequena vantaxe para o último partido da fase ante os propios suecos que se xogará o vindeiro domingo. Será un duelo en que a Suecia só lle vale o triunfo. A España chégalle cun empate para estar en Qatar'22.