Esgotadas en menos dunha hora as entradas para o España-Italia en Pasarón
A expectación na cidade por ver o combinado nacional é grande, xa que a afección agarda ver á súa paisana Tere Abelleira
A Federación Española de Fútbol (RFEF) informou este xoves de que as entradas para o partido que disputará a selección feminina contra Italia o próximo 1 de decembro no estadio de Pasarón esgotáronse en menos dunha hora.
"Non tardastes nin unha hora en facervos con todas as entradas dispoñibles para o partido contra Italia en Pasarón. Sodes moi grandes, Pontevedra!", escribiu a RFEF nas súas redes sociais.
A expectación na cidade por ver ao combinado nacional é grande, xa que a afección agarda ver á súa paisana Tere Abelleira. O encontro, correspondente á fase de grupos da liga de Nacións feminina, está patrocinado pola Deputación de Pontevedra, que pagará por iso 200.000 euros, segundo revelou o ente provincial a través dun comunicado de prensa.
Como contrapartida, a selección feminina visitará o Pazo Provincial co trofeo de campioa do Mundo durante a súa estancia na cidade galega.
🎟 ¡No habéis tardado ni una hora en haceros con todas las entradas disponibles para el partido contra Italia en Pasarón!
— Selección Española Femenina de Fútbol (@SEFutbolFem) November 23, 2023
🙌🏼 ¡𝑺𝒐𝒊𝒔 𝒎𝒖𝒚 𝒈𝒓𝒂𝒏𝒅𝒆𝒔, 𝑷𝒐𝒏𝒕𝒆𝒗𝒆𝒅𝒓𝒂! 🙌🏼#JugarLucharYGanar | #UWNL pic.twitter.com/NEiAeNuecV
A Federación Galega tamén emitiu un comunicado no que agradeceu o apoio á selección e lamentou non poder atender toda a demanda de solicitudes. O ente autonómico asegura que Pasarón tivo que reducir o seu aforo (por debaixo das 9.000 persoas) e que máis da metade das entradas se venderon nunha oferta anterior que se lle fixo a todos os clubs femininos de Galicia.
