Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mariscos como a vieira e a carne de porco axudan a deseñar menús de festa máis económicos

Mariscos como a vieira e a carne de porco axudan a deseñar menús de festa máis económicos

Xarda mariñada, vieira con crema de coliflor e solombo de porco, a proposta da escola de hostalería Compostela para conter o gasto no menú de Nadal

G24.gal 19/12/2025 14:08

Na conta atrás para as festas, a conta da praza dispárase. As praceiras da Coruña falan de que o peixe pode ir subindo cousa de dous euros o quilo cada día ata Noiteboa, así que, para aforrar, toca anticipar as compras ou buscar alternativas máis económicas para deseñar o menú.

Fixando un límite de gasto de 20 euros por comensal, e trasladamos o reto á escola de hostalería do CIFP Compostela, en Santiago. A súa proposta quedou mesmo por baixo diso: cociñaron un entrante, un marisco e un prato de carne cun gasto -calculan- de entre 12 e 15 euros por cabeza. 

A primeira proposta, o entrante: xarda mariñada con aceite de cítricos. Julián Ferreiro, profesor, di que é un prato de peixe fácil de elaborar. "A xarda pódena filetear na peixería, e o día anterior metémola nunha salmoira a partes iguais de sal e azucre para curala". Antes de servila, pódese "marcar ou non" na prancha, e "aliñala cun aceite de cítricos".

Se queremos marisco, mellor apostar polo que mantén o prezo, como os lagostinos ou as vieiras. Preparáronas cun toque típico de Nadal. "Metemos unha hortaliza moi típica do Nadal como é a coliflor, nunha crema. Montamos a vieira enriba, e uns tropezóns de xamón para que fagan contraste", explica Ferreiro.

Porque tamén recomendan coidar a presentación, para darlle ese toque especial. Para carne propón un solombo Wellintong clásico, pero con porco en vez de tenreira. "Leva un dosel de champiñóns, e vai envolto en xamón e nunha lámina de follado, que tamén pode estar montado previamente e, no momento da comida ou da cea, metelo no forno", explica Ferreiro.

Porque, ademais de aforrar, son pratos pensados para deixar case listos, e librarnos da cociña durante a festa. E iso non ten prezo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade