Ano negro nas estradas galegas, con 93 falecidos no asfalto
Lugo rexistrou dez vítimas mortais máis ca en 2024
O tipo de accidente que máis aumenta é a saída da vía
2025 pasará á historia como un ano negro nas estradas do país, cun balance provisional de 93 vítimas mortais. Delas, 21 eran motoristas, 15 peóns e o resto viaxaban en turismos.
"Son cifras de falecidos moi superiores a anos anteriores, aínda que ultimamente xa notabamos algo de estancamento. Chama a atención o desfase da provincia de Lugo, que é a que máis contribúe ás cifras con dez mortos máis ca en 2024", explica María Victoria Gómez Dobarro, xefa provincial de Tráfico da Coruña.
Canto o tipo de sinistro mortal, este ano aumentaron moito as saídas de vía, relacionadas normalmente con velocidades excesivas ou inadecuadas.
"Se chove moito hai que baixar a velocidade permitida, é importante adecuarse sempre ás circunstancias. Tamén é fundamental o mantemento do coche, o estado das rodas e das luces".
E outro dato para a reflexión, dos 46 mortos que viaxaban en coches, 10 non levaban o cinto.
"Normalmente vinculamos ese dato do cinto ao consumo de alcohol. Os condutores beben e se relaxan ou esquecen das obrigas mais básicas".
Por iso, Tráfico recorda que a única taxa segura para coller o volante é cero. Un consello especialmente importante en días coma o de hoxe, que arranca a operación saída de Nadal coa previsión de case dous millóns de desprazamentos na rede viaria galega de aquí a Reis.