Por seguir o GPS cae co coche polas escaleiras da praza da Ferrería, en Pontevedra
O condutor estaba de paso na cidade e meteuse en zona peonil e restrinxida, sen reparar nos sinais
Xa son varios os condutores que foron vítimas do navegador, que teñen varios puntos mal indicados na cidade
Un coche, e xa van uns cantos, quedou encaixado nas escaleiras que baixan para a praza da Ferrería, en pleno centro de Pontevedra.
Culpan o GPS.
"Imaxinamos que se fían do GPS e seguen, seguen, seguen e cando se dan conta, caen polo chanzo", comenta unha testemuña.
Conducía un home de Bulgaria que xa leva anos vivindo en Sanxenxo e que tiña mañá de hospitais. Primeiro, en Pontevedra. Moi cedo. E despois en Vigo. Pero xa non chegou.
"Estivo aí ata que chegou o guindastre e o operario o que fixo foi darlle para atrás e saíu pero ben, foi dos máis doados porque outros...", engade.
O fácil é pensar aquilo doutra vaca no millo, pero postos no sitio, igual é mellor aplicar o outro de "cando vexas as barbas do teu veciño cortar, pon as túas a remollar".
"Como ves en liña e hai como un cambio, vas mirando xa para onde tes que saír e non te fixas. Igual deberías estar sinalizado".
"Estas vense máis ben pouco pero non pasa só aquí. Na zona vella, hai algunha zona de escaleiras e tamén ten pasado".
"No verán cae un fixo, en Semana Santa outro e agora outro".
De feito, os que tiran normalmente de navegador falan coa boca pequena porque quen máis quen menos...
"Tenme pasado de ir por un camiño estreito e meterche por un sitio que non cabe o coche. Máis dunha vez".
"A min xogoume unha mala pasada unha vez en Ribeira. Fomos ver un miradoiro a moza mais eu e saíndo do miradoiro, puxemos o GPS e meteunos polo medio da vila, e chegamos a un sitio que se encollía e o coche non pasaba. Había alí uns veciños, por sorte, e xa rindo de nós porque dicían que é habitual, que o GPS meta á xente por aí e que moitos raian o coche para saír".
A praza da Ferrería está nunha rúa de preferencia peonil, con acceso limitado a residentes de vehículos de servizo pero en vista das trampas do navegador, propoñen un reforzo da sinalización que advirta da presenza de escaleiras.