Epi dirixirá o Leyma Coruña no seu debut en ACB
Desde este momento o técnico empeza a traballar coa directiva na planificación e configuración do equipo da próxima tempada
O Leyma Coruña e Diego Epifanio, Epi, chegaron a un acordo para que o burgalés continúe á fronte do equipo coruñés durante a súa primeira participación na Liga Endesa.
Despois do gran traballo realizado durante as dúas últimas tempadas, que cristalizaron co título de campión de LEB Ouro da tempada 23/24, o técnico e o club pecharon o acordo para que Epi dirixa o conxunto coruñés no gran desafío que supón liderar un equipo que debuta na liga Endesa.
Desde este momento o técnico empeza a traballar coa directiva na planificación e configuración do equipo da próxima tempada. Esta renovación é a primeira pedra do proxecto do Leyma Coruña para a tempada 2024/25, proxecto no que a directiva comezou a traballar, mantendo reunións cos patracinadores e coas institucións para cumprir cos requisitos económicos e de infraestrutura deportiva que esixe a participación na ACB e co obxectivo de consolidar o ascenso deportivo.