Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Instituto Galego de Vivenda e Solo prioriza as axudas ao alugueiro

O Instituto Galego de Vivenda e Solo prioriza as axudas ao alugueiro

O director xeral da institución asegura que se están a impulsar medidas que facilitan o acceso a este tipo de vivenda

Heriberto García salienta as axudas para colectivos vulnerables e para fomentar o alugueiro de inmobles baleiros

G24.gal 22/10/2022 11:38 Última actualización 22/10/2022 14:37

Heriberto García, director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, asegura que agora mesmo o alugueiro é un dos asuntos que máis están a tensionar o mercado inmobiliario. Por esta razón, considera importante centrar os esforzos neste eido.

Nunha entrevista no informativo Bos Días, da Televisión de Galicia, lembra que unha boa parte das medidas que se están intentando implantar arestora van dirixidas a aumentar o número de vivendas en arrendamento e a facilitar o seu acceso a persoas con dificultades.

"Hai axudas que poden cubrir ata o 100 % da renda do alugueiro por períodos de cinco anos, para colectivos que se atopan en situación de vulnerabilidade; axudas como o bono social ou para a mocidade, que reducen o esforzo permitindo acceder a achegas de ata 250 euros para pagar a renda".

Do mesmo xeito, salienta a posta en marcha hai un mes do programa "Vivenda viva" para mobilizar inmobles baleiros. Segundo dixo, trata de animar ao alugamento ás persoas propietarias ofrecendo seguridade.

"É un programa posto en marcha en colaboración cos axentes da propiedade inmobiliaria e os administradores de fincas. Pretendemos darlles seguridade aos propietarios con vivendas baleiras, a través dun triplo seguro da Xunta (de impago de rendas, de multirrisco no fogar para recuperar a súa vivenda logo do contrato de alugamento nas mesmas condicións e seguro de asistencia xurídica), para que poidan arrendalas con garantías".

Tamén salienta as axudas para rehabilitación, accesibilidade e mellora da eficiencia enerxética. Con todo, subliña que o instituto continúa en paralelo co impulso da construción de novas vivendas públicas, sobre todo, nas cidades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade