Alberto Lema, Santiago Lopo e Ivana G. Abuín recollen os premios Xerais de literatura
Alberto Lema, Ivana Gómez Abuín e Santiago Lopo recolleron os galardóns polas súas obras
A editorial Xerais xa dera a coñecer os premiados no mes de maio
O Museo do Mar de Vigo acolleu esta mañá a gala de entrega dos premios de Edicións Xerais, os galardóns máis presitixiosos da literatura galega. Santiago Lopo recolleu o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, coa obra A lingua dos grifóns. O galardón á mellor creación para o público máis cativo recaeu na obra A banda da albóndega, escrita por Ivana Gómez Abuín, que recolleu o Premio Merlín de Literatura Infantil. Alberto Lema recolleu o Premio Xerais de Novela pola súa obra A boca do río, ambientada no encoro de Belesar e que relata os abusos da burguesía franquista.
"A boca do río é un acto de recuperación da memoria dos vencidos", Alberto Lema
"É a historia daqueles que resistiron coas armas na man a nova orde de cousas xurdidas tras o terror de 1936, é dicir, a loita heroica da guerrilla antifranquista. Pero os vencidos foron moitos máis: tamén foron aqueles que foron expulsados das súas casas, como os veciños de Portomarín, augas arriba. Unha vila enteira. Todos os que viron como lles expropiaban as súas terras a un prezo irrisorio. Este libro tamén quere romper co pacto de silencio arredor da identidade e as razóns dos vencedores"
"O libro nace da necesidade de aventura. Oxalá esa curiosidade nos acompañe sempre", Ivana Gómez Abuín
"'A Banda da albóndega' está escrita desde a nena que aínda son, plenamente. Esa que vai seguir sempre perseguindo e buscando o misterio. Nace do agarimo polo patrimonio cotián, polas historias que pasan de xeración en xeración. É a forza de facer as cousas en compañía e tamén desa loita colectiva como nos demostrou Maricarme, que faleceu estes días, e que nos volveu sacar ás rúas"
"Podemos salvar o mundo coa forza da lingua e coa maxia das palabras", Santiago Lopo
"Para min a mocidade ten grandes valores: posúen un alto concepto da lealdade, apaixónanse rapidamente, queren cambiar o mundo, non teñen medo e loitan contra as inxustizas. Estes valores están presentes na 'Lingua do Grifóns', pero na novela os protagonistas necesitarán ademais a maxia da lingua antiga, esa que está a piques de desaparecer." contaba Santiago Lopo na recollida do premio. "A miña historia busca divertir, pero sei que moitas das persoas que a lean, e moitas serán adolescentes, tal vez reflexionen e pensen que realmente tamén posúen un poder máxico, simplemente teñen que poñelo en práctica. Esta é a mensaxe de esperanza que quero transmitir coa miña novela"
Ao galardón concorreron textos inéditos e orixinais escritos en lingua galega que foron avaliados de xeito anónimo por un xurado escollido entre lectores e profesionais do ámbito da literatura. O veredito xa se eu a coñecer no mes de maio, pero ata este xoves 8 de outubro non chegaron ás librarías os tres títulos premiados.