Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón sitúa o BNG como opción para deixar a Feijóo "no banco da oposición"

Pontón sitúa o BNG como opción para deixar a Feijóo "no banco da oposición"

A líder nacionalista fixa como reto "gañar peso político" no Congreso e anuncia un "traballo intenso nas rúas"

Pontón no Consello Nacional do BNG este sábado. EFE/Xoán Rey Pontón no Consello Nacional do BNG este sábado. EFE/Xoán Rey
G24.gal 10/10/2026 19:39 Última actualización 10/10/2026 21:15

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, sitúa a súa formación como a alternativa para deixar o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, "sentado no banco da oposición", tras os comicios xerais do 29 de novembro, e fronte ao "bipartidismo" deste partido e o PSOE.

Durante a súa intervención ante o Consello Nacional, que se reuniu por primeira vez este sábado tras o anuncio do adianto electoral, instou os seus a "dar a batalla e ir a por todas" na vindeira cita coas urnas.

Nun discurso conciso, asegurou que "non son unhas eleccións máis" porque tamén está en xogo que Galicia teña máis peso político en España e iso "só o vai facer o BNG".

"Unha voz firme e clara que non cala nin se dobrega", subliñou.

Segundo dixo, o obxectivo é mellorar a representación en Madrid, que arestora é dun deputado no Congreso, Néstor Rego, e dunha senadora na cámara alta, Carme da Silva.

Do mesmo xeito, Pontón afirmou que o BNG é "a garantía de que Feijóo e o PP sigan onde están, na oposición durante moitos anos", porque Galicia "sabe ben como as gasta" o líder popular, que foi presidente da Xunta durante moitos anos.

"Políticas que arrasan con todo"

Neste senso, criticou as súas "políticas que arrasan con todo" e que traballan para "as empresas amigas" e "para os especuladores que fan negocio coa vivenda".

A líder nacionalista cargou ademais contra o "bipartidismo" a nivel nacional e o PSOE, que "intercambia papeis" co PP para "discriminar a Galicia" e "só fai cando o BNG o fai facer", considerou.

Pontón rematou a súa intervención cunha lembranza a quen foi voceiro desta formación durante vinte anos, Xosé Manuel Beiras, que faleceu este xoves aos 90 anos e que "ocupa xa un lugar no corazón do pobo e a historia deste país".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade