Feijóo promete imprimir a España un "cambio sereno pero contundente"
Propón una "reconstrucción nacional" e avisa de que ninguén poderá pensar que "está por riba das normas"
Alfonso Rueda arroupa o expresidente da Xunta co foco posto en upar o líder do PP á Moncloa
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, prometeu este sábado facer un "cambio seren pero contundente" en España se logra gobernar tras as eleccións xerais do 29 de novembro e que dirixirá o país "coa verdade por diante".
No seu primeiro acto de precampaña no recinto Ifema de Madrid, asegurou tamén que "nunca" deixará "tirados" os españois cando xurdan problemas como, ao seu xuízo, fixo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Co lema "Por fin", co que os populares celebran o adianto dos comicios, Feijóo presumiu de poder "mirar a xente aos ollos" tras 30 anos de xestión pública.
"Eu non veño das saunas nin das cloacas, eu veño da xestión, de presentar e cadrar orzamentos, de soster os servizos públicos, de dar a cara nos bos momentos e sobre todo nos difíciles", subliñou.
Neste contexto, garantiu que sabe "o que é gobernar e o que custa", que é consciente do que agarda a cidadanía del e que colmará as súas expectativas. Neste senso, prometeu un proxecto de "reconstrución nacional" que propicie un "cambio sereno, pero contundente".
"España necesita dirección, revisar as regras, recuperar os contrapesos e devolverlles aos españois unha certeza de que o Estado está ao servizo de todos. España necesita abrir un tempo novo e ímolo abrir. Imos reconstruír as nosas institucións para que ninguén volva pensar que o poder está por riba das normas. Ninguén e tampouco nós. Que quede claro, o poder non está por riba das normas en ningunha democracia, afecte a quen afecte", clamou o líder do PP.
Aznar e Rajoy tamén estiveron no acto. EFE/Fernando Villar
"Coa verdade por diante"
Feijóo amouse convencido de que os populares gañarán as eleccións pero que, a diferenza do que aconteceu no 2023, gobernarán. "A iso viñemos e ese é o meu compromiso", sentenciou.
"Para competir non teño que manipular, para gañar non teño que venderme e para gobernar non terei que mentir", apostilou.
Dixo que irá sempre "coa verdade por diante, aínda que sexa máis difícil" ou "non guste" e "coas contas claras", con respecto ás Cortes, á Xustiza e a quen "non lles vote".
"Vou dar a cara cando ao noso país lle vaia ben, pero tamén cando me equivoque. E sobre todo vou dar a cara cando a miña nación me necesite. Non me veredes escapando, estarei alí, asumirei o mando con eles. Pero non me irei, non os deixarei tirados nunca e non haberá españois de primeira e de segunda", salientou.
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde da capital, José Luis Martínez Almeida, actuaron como anfitrións. Ademais, asistiron ao evento o presidente do Senado, Pedro Rollán, e os expresidentes do Goberno José María Aznar e Mariano Rajoy.
Tamén estiveron os mandatarios autonómicos de Aragón, Estremadura, Murcia, a Comunidade Valenciana e Galicia.
Rueda con outros mandatarios autonómicos. EFE/Fernando Villar
Rueda arroupa a Feijóo
Alfonso Rueda, acompañado pola secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e do presidente provincial da Coruña, Diego Calvo, arroupou o presidente do PP co obxectivo de upar o líder do seu partido á presidencia do Goberno.
"Madrid acolleu o inicio dunha nova etapa e tiñamos que estar alí", subliñou o presidente da Xunta nas súas redes sociais.
Na Xunta directiva do PPdeG celebrada esta mesma semana, Rueda dixo que Galicia non lle vai fallar a Feijóo e que agarda que a comunidade sexa o motor do cambio que saque da presidencia do Goberno a Pedro Sánchez.