Entrar roubar no mesmo chalé histórico de Lugo que intentaron usurpar hai un mes
Dous homes foron sorprendidos no interior con ferramentas e foron detidos por roubo con forza
Hai unhas semanas rexistráronse varios roubos na zona e a veciñanza reclama maior presenza policial
A casa está situada nunha localización privilexiada, moi preto da muralla e o parque Rosalía de Castro. Leva anos deshabitada, dende que faleceu o seu dono. Nun primeiro momento a veciñanza creu que se trataba dun novo intento de usurpación.
Dende a asociación de veciños Rosalía de Castro e Recatelo, Marta Fernández explica que tiveron coñecemento dos feitos a través do grupo de WhatsApp e no que se avisaba de que "estaba a policía e os bombeiros" e pensaron nun principio que se trataba dunha ocupación ilegal.
Na casa non vive ninguén, pero a familia propietaria está a acometer obras no seu interior. Nesta ocasión os ladróns aproveitaron a saída do traballador para acceder á vivenda.
Os dous homes foron sorprendidos tratando de levar ferramentas e foron detidos por roubo con forza.
Un novo incidente que, ademais do intento de ocupación da mesma vivenda, súmase aos roubos en varios pisos na contorna do parque que se rexistraron hai unhas semanas. Dende a asociación cren que vixían a zona "aos portais e á xente, logo cando pasan as cousas dáste de conta, noutros casos foi así, nada é por azar".
"Non é froito do azar, pensamos que vixían a zona. Son necesarias máis patrullas na zona".
A principios de mes foron recibidos na Subdelegación do Goberno de Lugo e agora volven reclamar máis presenza policial.