Desmantelado un punto de venda de droga nunha antiga escola de Boiro, con tres detidos
Parvularios é a operación da Garda Civil que desmantelou un centro loxístico de distribución de drogas e almacenamento de obxectos roubados na escola municipal abandonada de San Mauro, en Boiro
O valor dos estupefacientes encontrados no interior do edificio supera os 17.800 euros
Imaxe da Garda CIvil
A Garda Civil desmantelou un importante centro loxístico de distribución de drogas e almacenamento de obxectos roubados nunha antiga escola de Boiro no marco da denominada operación Parvularios, que rematou coa detención de tres homes.
A investigación iniciouse no verán de 2025, tras detectarse un incremento inusual de roubos con forza e furtos en establecementos comerciais, vivendas, alpendres e interiores de vehículos na comarca. A liña de investigación principal permitiu aos axentes constatar que esta repunta delituosa estaba directamente vinculada ao aumento do consumo de estupefacientes na zona.
Así, detectouse que os autores dos roubos se desprazaban frecuentemente ata unha antiga escola unitaria municipal abandonada, no lugar de San Mauro, que estaba habitada de forma ilegal por un home vinculado ao tráfico de drogas a pequena escala e era frecuentada por “toxicómanos que acudían ao inmoble a calquera hora do día”.
Os investigadores determinaron que, en moitos casos, os delincuentes entregaban os obxectos subtraídos ao morador da escola a cambio da dose de droga, convertendo o edificio nun punto receptor de efectos ilícitos e un foco de inseguridade que xerara grande alarma social e numerosas queixas veciñais.
Tras solicitar as probas necesarias, procedeuse ao rexistro domiciliario autorizado polo Xulgado de Instrución número 3 de Ribeira. No interior do inmoble comisouse un importante arsenal de substancias e obxectos, cuxo valor de mercado só en estupefacientes supera os 17.885 euros.
Ademais, fixéronse con 5.482 dose de marihuana, 914 de haxix, 201 de cocaína crack, 467 de heroína, dose de cocaína, fungos alucinóxenos e pastillas psicotrópicas, á parte de 2.065 euros en billetes de diverso valor e básculas de pesada.
Os tres detidos, naturais de Boiro, A Pobra do Caramiñal e Noia, foron postos á disposición da autoridade xudicial, que decretou o ingreso en prisión do principal responsable e a liberdade provisoria con cargos para os outros dous implicados.
Así mesmo, ordenouse o precinto e tapiado do inmoble por parte do Concello de Boiro para evitar novas ocupacións.