A Xunta amplía o Servizo de Gardacostas de Galicia con máis efectivos e 12 vehículos
Desde a súa creación hai tres décadas, os Gardacostas galegos rescataron máis de 2.000 persoas, e o ano pasado realizaron 10.000 inspeccións para atallar a venda ilegal de produtos do mar
A Xunta entregou ao Servizo de Gardacostas de Galicia 12 novos vehículos todo terreo 'pickup' e tamén ampliará os efectivos con 23 profesionais novos, tras o proceso selectivo en marcha, que se sumarán aos 144 que xa integran este corpo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o acto de entrega dos vehículos este venres en Porto do Son (A Coruña), destacou a incorporación de 23 efectivos a este servizo, do que valorou a súa profesionalidade e anos de traballo "para vixiar e salvagardar" a comunidade "con máis quilómetros de litoral" de España.
Rueda referiuse ao investimento de case 700.000 euros para a dotación dos novos vehículos e o labor que realiza o Servizo de Gardacostas non só de rescate "ás veces en condicións moi arriscadas", senón tamén de loita contra a contaminación mariña e o furtivismo, todas esas actuacións "que ao final esquilman os nosos recursos e van en prexuízo xeral", advertiu.
Desde a súa creación hai tres décadas, os Gardacostas galegos rescataron a máis de 2.000 persoas, e o ano pasado realizaron 10.000 inspeccións para atallar a venda ilegal de produtos do mar, protexer o traballo do sector e garantir a seguridade alimentaria.
Acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, o presidente galego admitiu que o sector do mar vive "un momento complicado" ante o que a Xunta aprobou, na súa reunión desta mesma semana, unha partida de case 23 millóns de euros para a rexeneración dos bancos marisqueiros afectados pola cadea de borrascas deste inverno.
Neste sentido, agradeceu "a disposición" das confrarías para colaborar e "traballar para rexenerar todo aquilo que se danou" durante os temporais, e tamén nos anos anteriores onde se rexistrou unha descenso da produtividade.
"Todo iso hai que recuperalo, traballalo e nós sós non o podemos facer", apuntou Rueda, polo que contar coa rede de confrarías "organizando á xente que vive do mar" será "fundamental", xa que serán as que teñan que asinar os convenios coa Xunta para contratar a quen se faga cargo dos labores de recuperación.
As confrarías son "un aceno de identidade" de Galicia, considerou Rueda, que situou o Servizo de Gardacostas tamén como unha peza esencial para o sector co seu traballo de "axuda, asistencia e vixilancia" o que dá "moita tranquilidade" aos profesionais do mar.
Case 150 efectivos por toda Galicia
O equipo de Gardacostas está composto por 144 efectivos, repartidos entre os servizos principais de Santiago de Compostela e as nove bases operativas situadas en Celeiro, Ferrol, A Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo.
En canto aos medios técnicos, contan con navais (4 buques multipropósito, 9 patrulleiras e 11 unidades de planadoras semirrígidas); aéreos (helicópteros Pesca 1, con base en Vigo; e Pesca 2, en Celeiro) e terrestres, que suman un total de 87 vehículos cos doce entregados este venres.
Ao Servizo de Gardacostas este ano a Xunta destina a contía máis alta sa súa historia, 18 millóns de euros. Ademais, ten prevista unha dotación de 3,5 millóns de euros para a fabricación de dúas novas patrulleiras lixeiras e a compra de dous camións con guindastre para optimizar o servizo de retirada e reciclaxe de residuos no litoral.