Entran no único supermercado de Muras e levan aceite e chocolate
Entran no único supermercado de Muras e levan aceite e chocolate
O botín, segundo a valoración que fixeron os propietarios, supera os 3.000 euros
Tamén roubaron noutros concellos próximos, onde levaron un coche e forzaron a entrada dunha cantina
Deixaron os lineais do aceite totalmente baleiros. A mesma imaxe no estante do lado, onde se expón o chocolate, non quedou nin un só bombón.
"A tenda estaba practicamente igual, desvalixaron a caixa, levaron aceite, chocolate", explica a encargada da tenda, Laura Chao.
Era o que buscaban, os cartos e os produtos de máis valor. Levaron un bo botín, os donos calculan que o valor da mercadoría roubada supera os 3.000 euros, pero non se sabe se polas présas non levaron todo o que pretendían.
"Tiñan unha caixa preparada con embutidos, non sei si non lles deu tempo ou se esqueceron de levala, os carros da compra estaban fóra na rúa", engade a encargada da tenda.
Foron os carros o que primeiro lle chamou a atención ao panadeiro cando aparcou a súa furgoneta para deixar o pan. El foi o que avisou a Garda Civil, porque ao achegarse á tenda xa se deu conta de que algo pasara.
"A reixa aberta e a porta toda dobrada e pensei que a rebentaran cunha barra de ferro e chamei a Garda Civil", explica Juan González, o panadeiro.
Anda que na primeira planta da casa vive xente, ninguén se decatou do roubo.
"É xente maior, non se decataron de nada", asegura Laura Chao, encargada da tenda.
En Muras non foi o único sitio onde roubaron, levaron un coche do Viveiró e ao parecer tamén trataron de entrar na cantina de Xerdiz, en Ourol, pero non o conseguiron.