A captura sen límites de xabarís no 80 % de Galicia, en vigor desde este sábado
A captura sen límites de xabarís no 80 % de Galicia, en vigor desde este sábado
Nas zonas rurais valoran positivamente estas medidas
En tecores como o da Terra Chá, o máis grande de Galicia, prepáranse xa para o novo escenario provisional. Desde este sábado e ata o 25 de febreiro, estarán en vigor as medidas de emerxencia cinexética aprobadas pola Xunta para 248 concellos, o 80 % do territorio, para controlar a poboación de xabarís e diminuír danos.
Nas zonas rurais valoran positivamente estas medidas. A normativa quere atallar os problemas que supoñen estes animais. O pasado ano o xabaril provocou máis de 3.500 accidentes nas estradas galegas e danos nos cultivos valorados en seis millóns de euros.
.O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a declaración de emerxencia cinexética para favorecer o control da poboación de xabarís, permítese abater ou capturar sen límite exemplares de xabarís de ambos os sexos, prioritariamente femias adultas.
Na provincia da Coruña, esta medida afecta as comarcas de Arzúa, Barbanza, Bergantiños, Betanzos, A Coruña, Eume, Ferrol, Noia, Ordes, Ortegal, Santiago e O Sar; mentres que en Lugo abarca Os Ancares, Chantada, A Mariña Central, Occidental e Oriental, Lugo, Sarria, Terra Chá e Terra de Lemos.
As comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, A Limia, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana son as zonas seleccionadas en Ourense e, por último, en Pontevedra esta emerxencia declárase en Condado, Deza, Pontevedra, Tabeirós-Terra de Montes e Vigo.
A decisión permite aos cazadores efectuar batidas mesmo con só oito persoas -en lugar de dez- e recorrer de maneira "excepcional" a visores convencionais ópticos de aumento para proceder á garda ou espera e a detectores electrónicos e controladores de hora e presenza en zonas determinadas en áreas de cultivo agrícola.
Tamén se poden utilizar gaiolas para o posterior sacrificio dos xabarís. As modalidades de caza permitidas para esta especie poderán efectuarse todos os días da semana.