Mariscadoras de Muros limpan á man as algas da praia para salvar berberechos e ameixas
A floración masiva de algas complica a campaña extractiva de xuño
As algas enganchan cos moluscos e fan que morran moitos deles, e a limpeza ten que se realizar á man porque usar máquinas mataría as crías
Máis de medio cento de mariscadoras e mariscadores en Muros levan días limpando, á man, a praia da Virxe. O areal, zona de marisqueo, está ateigado de algas. Esas algas están complicando moito a supervivencia dos moluscos.
Muros non é o único banco marisqueiro afectado polo afloramento masivo de algas, pero si que ten a particularidade que o traballo o están facendo a man e quitando unha a unha cada alga porque, din, facelo con rastros ou con máquinas poría en risco a supervivencia das crías ou de moluscos que non se ven a simple vista. É unha limpeza moi minuciosa e delicada.
Se todo sae ben, a campaña de recollida de marisco comezaría en xuño, pero as algas están complicando moito a situación. Din que nunca antes viran tantas coma nesta ocasión.
A limpeza vai para longo. Un par de semanas máis polo menos, din en Muros. A cousa é que a alga engancha co molusco e flota, entón, cando sobe a marea, esa alga flota, levanta, desenterra o molusco e, en moitos casos, o berberecho ou a ameixa acaban en terra e, claro, morre.