Taxi a prezo de bus urbano na zona rural de Lugo
A área de mobilidade pon en marcha este novo modelo de transporte a demanda para evitar o illamento das persoas maiores
Haberá que reservalo cun día de antelación, comeza en catro parroquias, con catro frecuencias diarias
Subimos a un dos taxis que fará a ruta á zona rural de Lugo. A maioría son desprazamentos de dez minutos, pero complicados para as persoas maiores. Á semana teñen que ir varias veces á cidade, non hai bus, non conduce e o taxi era caro.
"Para os que non temos coche é moi enfastiado estar na aldea", di unha muller.
Agora o taxi custará o mesmo que o bus, 64 céntimos. A area de mobilidade pon en marcha o transporte a demanda.
"Aquí non chega ningún coche que non sexan os particulares", comenta unha veciña.
Como funciona?: hai que solicitar o taxi un día antes. Cada aldea ten a súa parada e logo na cidade hai dúas baixadas, unha no centro e outra no hospital.
"Para que non esteamos illados, estrágase o coche, facía moita falta", explica unha muller.
Este novo modelo de transporte comeza en catro parroquias e con catro frecuencias diarias.
"Quero que o taxi chegue a todos os sitios porque hai moita xente maior", comenta unha muller.
O concello conta con 54 parroquias.