O acusado de tirar unha moza da muralla de Lugo di que a deixou soa despois de discutir
Ao presunto autor destes feitos impútanlle os delitos de lesións graves e de omisión do deber de socorro
O mozo de 24 anos que fora detido por tirar unha rapaza de 23 dende o adarve da muralla de Lugo foi posto en liberdade con cargos tras pasar a disposición da xustiza.
Supostamente, empuxou a vítima ao baleiro dende unha altura duns 12 metros e marchou do lugar sen prestarlle axuda ningunha. A moza foi rescatada horas máis tarde e ingresou na UCI do HULA en estado grave, con múltiples fracturas nas extremidades e nas vértebras.
Ao presunto autor destes feitos impútanlle os delitos de lesións graves e de omisión do deber de socorro. Na declaración ante o xuíz que decretou a súa liberdade, negou estas acusacións e asegurou que deixara a moza soa no adarve despois de discutir con ela.
Non se descarta que se trate dunha agresión transfóbica. Se se confirma, engadiríase aos cargos xa existentes un delito de odio.