Publicador de contidos

Publicador de contidos

Duplícase en só dous anos o número de galegos que probaron a cocaína

Duplícase en só dous anos o número de galegos que probaron a cocaína

Son os máis novos, entre 15 e 34 anos, o colectivo que experimenta máis incremento

G24.gal 24/01/2024 20:50 Última actualización 24/01/2024 21:44

En tan só dous anos en Galicia duplicouse o consumo de cocaína. De 2020 a 2022, o número de galegos que a probaron algunha vez pasou de algo máis do 7 % ao 14 %.

Son datos da enquisa bianual elaborada polo Plan Nacional sobre Drogas. Unha evolución que constatan neste centro de atención á drogodependencia.

"O que acode aquí é o que quere, o que pide axuda. Fáltanos a parte da rúa que nos contan eles, pero si, ese incremento estamos notándoo desde hai varios anos e vai crecendo ano a ano", afirma Mayte Lage, a psicóloga e coordinadora do Servizo de Psicoloxía Clínica de Aclad Coruña.

O psicólogo especializado en adiccións Antonio Tova destaca que este maior consumo coincide cun aumento da produción de cocaína no mundo: "Que implica? Que hai moita máis. Isto é evidente. E como hai máis, trafícase moito máis e chega moita máis".

Por idades, son os máis novos, entre 15 e 34 anos, o colectivo que experimenta máis incremento. "Temos pacientes moi novos que se inician co consumo do cánabo aos 14 ou 15 anos e de aí, a probar a cocaína", apunta a psicóloga Mayte Lage.

Os expertos alertan sobre a falta de percepción de risco. Para o psicólogo Antonio Tova: "A percepción de risco diminúe tamén en función da accesibilidade. Fano todos. É o que fan os adolescentes, por exemplo, co botellón ou os porros. É que na miña panda fano todos. Claro, dille ti a un deles que iso non está ben".

A situación agrávase polo cambio da vía pola que se consome. A cocaína agora fúmase. "Se a cocaína de por si é moi adictiva e provoca moitas deterioracións, fumada aínda é peor. É moito máis potente, provoca moita máis adicción e necesitan consumir con máis frecuencia e máis cantidade", resalta a psicóloga Mayte Lage.

Con todo, a droga ilegal máis frecuente en Galicia continúa a ser o cánnabis . Máis do 40 % dos galegos probárono algunha vez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade