Segue a busca de Luciano en Carballo, logo de tres días desaparecido
A última vez que o viron foi o venres pola noite, a 500 metros da súa casa
Luiciano leva tres noites que non volve á súa casa. O último sitio onde o viron foi paseando a carón deste depósito de auga da traída de Carballo. Os veciños din que adoita pasear por estas pistas facendo un percorrido circular que case sempre é o mesmo.
Axentes da Garda Civil de Carballo, persoal de Protección Civil, voluntarios, veciños e familiares seguen buscando a Luciano Bonometti, un carballés de 76 anos, residente no lugar do Aseñado, na parroquia de Berdillo. Foi visto por última vez na noite deste venres camiñando polas inmediacións do depósito de auga municipal.
"Solicitamos a presenza de cans de rescate da asociación Casaga e estamos a colaborar con Garda Civil que coordina o operativo. Hai zona agraria e zona de monte, hai moitos tramos de pistas forestais. Onte o helicóptero xa pasou por zonas abertas, como prados e polas plantacións de millo que dende o aire vense moito mellor", di Xavier Souto, coordinador de Protección Civil de Carballo.
A familia interpuxo a correspondente denuncia ante a Garda Civil e desde emerxencias montouse un operativo de procura para tratar de dar co seu paradoiro.
Luciano mide 1,65, ten o pelo cano, bigote e os ollos marróns. No momento da desaparición vestía vaqueiros, chaqueta negra, paraugas de cadros vermellos e portaba máscara.
"As estatísticas están aí. Mesmo persoas con moi pouca mobilidade e alzhéimer teñen aparecido a varios quilómetros da casa e unha operativo destas características sen un punto definido, dunha grande área son moi difíciles de resolver", explica Souto.
A familia deu dous números de teléfono por se alguén o atopa ou pode dar algún dato sobre o seu paradoiro: 646 571 288 e 646 570 371. Tamén se pode un poñer en contacto directamente coa Garda Civil.