Localizan o cadáver do ancián desaparecido en Vila de Cruces na presa de Portodemouros
Saíra a pasear co can o sábado pola tarde e, dende entón, estaba en paradoiro descoñecido

Axentes do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) localizaron este domingo no encoro de Portodemouros o corpo sen vida do home de 89 anos que horas antes desaparecera na localidade de Vila de Cruces.
Segundo informaron desde o 112 Galicia, o equipo especializado do instituto armado topou o cadáver no marco do operativo de procura despregado nas últimas horas.
O falecido, de acordo co publicado polo Concello nas súas redes sociais, saíra a pasear co can o sábado á tarde e, dende aquela, estaba en paradoiro descoñecido.
Na busca participaron o voluntariado de Protección Civil de Vila de Cruces e unidades especializadas da Garda Civil, que son as que finalmente conseguiron localizar e identificar o corpo tras topar previamente unha pertenza do falecido preto do encoro.
Polo momento, descoñécense as causas da morte.