Buscan o tripulante dun barco afundido na desembocadura do Miño
Un dispositivo con medios españois e lusos buscan o home, un portugués de 62 anos

O 112 Galicia recibiu un aviso ás 10:45 da mañá, enviado pola Comandancia Naval do Miño, sobre o afundimento dun barco cunha persoa a bordo. O acontecemento tivo lugar entre a illa da Insua e a costa da Guarda. No aviso, explicaron que non había rastro da persoa que ía nel.
No momento da chamada, xa había motos acuáticas traballando no punto, así como embarcacións da Armada Española e a Comandancia Naval Portuguesa.
O 112 tamén solicitou a colaboración de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil, do GES da Guarda e da Policía Local.
Tamén se incorporou como parte do dispositivo de busca o helicóptero de Pesca I e o Grupo Acuático do GES da Guarda.
O tenente de alcalde da Guarda, Óscar Alonso, fixo unhas declaracións nas que indicou que se trata dun home portugués de 62 anos e que seguen ca busca para atopar ao desaparecido
Rescatan catro mozos varados en Noia
O outro aviso recibido polo 112 Galicia foi o do rescate dunha embarcación varada na Punta Peón, en Barro (Noia). O suceso ocorreu onte ás 21 horas e rescatáronse catro persoas que viaxaban na embarcación.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción dos GES de Muros e Noia e dos axentes da Garda Civil para o rescate. Ademais, informouse en todo momento do desenvolvemento do operativo ao Servizo de Gardacostas de Galicia.
Os membros do GES de Muros achegáronse en motos de agua, confirmando que era unha zona de moi pouco calado. Logo, procederon co rescate dos ocupantes da embarcación.
O GES de Noia transportounos en coche en perfecto estado.