Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan un incendio supostamente provocado nun edificio de Santiago de Compostela

Investigan un incendio supostamente provocado nun edificio de Santiago de Compostela

O lume afectou aos accesos dunhas oficinas nun inmoble do centro de Compostela

A rápida intervención dos bombeiros evitou que se espallaran as lapas e que houbese que desaloxar aos veciños

A Policía Nacional está a investigar os refugallos aparecidos onde prendeu o lume e que apuntan a un suceso intencionado

Incendio nun edificio na rúa da Senra
G24.gal 31/08/2025 14:33 Última actualización 31/08/2025 14:59

Susto e sorpresa foi o que se viviu preto desta medianoite na rúa da Senra, en pleno centro de Santiago de Compostela. Un veciño alertaba de que había un forte cheiro a fume e que procedía da entreplanta do inmoble, onde hai varias oficinas. 

"Encontrámonos cunha porta totalmente carbonizada pola parte exterior, con moita afectación ao corredor desa porta e á alfombra tamén, e outra parte máis a esquerda que tamén estaba queimada. Ademais xa se vía que na alfombra quedara o refugallo dunha poza alí", comentaba José Antonio Gigirey, sarxento dos Bombeiros de Santiago de Compostela.

Ao lugar desprazáronse unha dotación de bombeiros así como a Policía Nacional e a Policía Local. Os operarios extinguiron rapidamente o lume, que afectou a dúas portas de oficinas así como a parte dun corredor e, malia que o fume se espallou por todo o inmoble, as lapas non chegaron ao interior das oficinas prexudicadas.

"Os danos quedaron reducidos ás portas e ao corredor, e despois o fume si que asolagou o oco das escaleiras, pero ventilouse", relataba o sarxento do parque compostelán.

Foron os bombeiros os que descubriron unha substancia ao pé das portas que presuntamente iniciou as lapas, e que a Policía Nacional xa está investigando, apuntando cara a un incendio provocado. O rápido control do lume fixo innecesario o desaloxo do edificio, pero non evitou o susto en pleno centro de Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade